vagalume
(< vagar + lume)
Insecto coleóptero con importantes diferenzas entre o macho e a femia. Son de cor entre acastañada e negra, as femias miden ata 20 mm e os machos son moito máis pequenos. Ambos os dous teñen oculta a cabeza baixo a parte anterior do tórax e un par de antenas articuladas. Os machos posúen dous pares de ás, as primeiras modificadas como élitros e que cobren o segundo par, que son membranosas e serven para voar. As femias non poden voar porque carecen de ás; teñen o corpo alongado e mol, similar ao das larvas, e os últimos segmentos do abdome son luminosos, cunha luz verdosa que serve para atraer aos machos. Os machos e as larvas poden emitir unha luminosidade moito máis leve ca a da femia. Os adultos apenas se alimentan e son as larvas as principais depredadoras de caracois e lesmas. Son de costumes nocturnos e viven en zonas de campo aberto, de tal xeito que as femias poidan atraer ao macho. Durante o día escóndense baixo terra e non se poden atopar en zonas adicadas á agricultura. A bioluminiscencia parece, ademais, ser un aviso para ras e paxaros de que é unha especie velenosa para eles.