Valdeorras

Valdeorras

Denominación de Orixe recoñecida pola orde do 24 de febreiro de 1977 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A orde do 18 de febreiro de 2000 da consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria modificou o seu regulamento que foi ratificado polo MAPA. A zona amparada para a produción de viño con esta denominación atópase ao NL da provincia de Ourense e abrangue os concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras. A variedade de vide branca preferente é godello, e autorízase a Dona Branca e Palomino; de vide negra a preferente é mencía e autorízanse a Garnacha ou Alacante, Gran Negro e María Ardoña ou Merenzao. Os viños son monovarietais de casta Godello en brancos e Mencía en tintos. Os primeiros son de intenso aroma e teñen unha acidez elevada, e os segundos son de cor vermella-cereixa.