Valle d’Aosta

Valle d’Aosta

Territorio de Europa Centromeridional, situado nos Alpes Occidentais, que coincide aproximadamente coa rexión autónoma italiana do mesmo nome (3.263 km2; 119.356 h [2001]). Encadrado polos Alpes Peninos, ao N, e polos Alpes Graios, ao S, limita ao N co cantón suízo de Valais, ao O con Savoia (Francia) e ao S e ao L con Piemonte. A súa capital é Aosta. Trátase dun val completamente alpino, que goza, non obstante, dun clima de abrigo. A poboación concéntrase no val do río e é de fala francoprovenzal. Cultívanse patacas, viño e froita e a gandaría bovina, orixinou unha industria láctea que produce o queixo fontina. A actividade industrial está representada pola produción de enerxía hidroeléctrica e pola extracción de mineral de ferro e o turismo é outra fonte de riqueza. Na primeira metade do s XI foi cedido á casa de Savoia e en 1238 converteuse en ducado. Os primeiros atentados contra a autonomía iniciáronse co nacemento do Reino de Italia (1860), coa proclamación do italiano como lingua oficial do estado e a integración como provincia no Piemonte. Obtido da república italiana o recoñecemento de autonomía (1945), o val réxese por un estatuto especial (1948) polo que se crearon o Consiglio della Valle (parlamento) e a Giunta Regionale (goberno).