Vaqueiro Foxo, Vítor
Fotógrafo e escritor. Licenciado en Ciencias Químicas e doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce como profesor de fotografía na facultade de Comunicación Audiovisual da USC. Impulsor do colectivo Canbranco, cofundou, en 1983, o Centro de Estudos Fotográficos, e participou na posta en marcha da Sala dos Peiraos de Vigo, onde exerceu o comisariado de exposicións de destacados fotógrafos, como B. Brandt, J. Fontcuberta, O. Lele e R. di Vicenzo, así como da Fotobienal de Vigo (1984). Colaborador das revistas fotográficas Foto Profesional, Galicia Moda, Tintimán e Vogue, expuxo parte da súa obra na I e II Fotobienal de Vigo (1984 e 1986); na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela (1984); en Foco 85 (1985), en Madrid; na Fundação Gulbenkiam de Lisboa (1987); no Museu dos Biscainhos de Braga (1987); na Posada del Potro de Córdoba (1991); na Sala de exposicións da Estación Marítima da Coruña (1996) e na Casa das Artes e da Historia de Vigo (1992, 1996 e 2003). Seleccionado para o proxecto Cuatro direcciones. Fotografía contemporánea española. 1970-1990 do Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, a súa obra fotográfica está presente no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). No eido da fotografía publicou Galicia (1990), Celanova (1999) e Rituais (2000), e o ensaio Pacheco. A memoria dun tempo e dun país (2002). No apartado de narrativa cómpre salientar as escolmas de relatos O soño dirixido (1982) e Os xenerais de África (1999), ademais da novela Os nomes da morte (2002). Como poeta procurou unha renovación da linguaxe poética e afondou na creación dunha mitoloxía moderna con herdanzas da música e do cine coetáneos, tal e como reflectiu en Lideiras entre a paisaxe (1979), ao que lle seguiron os poemarios Informe da gavilla (1980), Camiño de Antioquía (1982, Premio Esquío de Poesía), A fraga prateada (1983, Premio de la Crítica Española 1984), A cámara de névoa (1989) e o recompilatorio Traxectorias. Poesía 1977-2002 (2002). Parte da súa obra literaria está recollida nas antoloxías An anthology of Galician short stories (1991), de K. Marx; Una cala en la poesía gallega de hoy (1991), de Mª Carmen Panero; 50 anos de poesía galega (1994), de X. Mª Álvarez Cáccamo e C. González Bernárdez; Río de son e vento (1999), de C. Morán, e La poésie galicienne de 1936 à 1990 (1999), de A. Angueira. No apartado da investigación, ademais da súa tese sobre a obra fotográfica dos Pacheco destacan Guía da Galiza máxica, mítica e lendaria (1998) e Guía do Norte de Portugal (1998).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vigo