Vaticano II, concilio

Vaticano II, concilio

ixésimo primeiro concilio ecuménico da Igrexa Católica, anunciado polo Papa Xoán XXIII o 25 de xaneiro de 1959. O 17 de maio constituíuse a comisión antepreparatoria, presidida polo cardeal Tardini e con monseñor Pericles Felici como secretario, cargo que ocupou tamén durante toda a celebración do concilio. Convocado polo Papa Xoán XXIII pola constitución apostólica Humanae salutis (25 de outubro de 1961) e celebrado en San Pedro do Vaticano, constou de catro sesións. A primeira delas foi presidida por Xoán XXIII, pero non puido concluír os seus traballos xa que faleceu en 1963. As outras tres etapas foron convocadas e presididas polo seu sucesor, o Papa Paulo VI, que o clausurou en 1965. Celebrouse nos períodos do 11 de outubro ao 7 de decembro de 1962, do 29 de setembro ao 4 de decembro de 1963 e do 14 de setembro ao 8 de decembro de 1965. Foi o concilio máis representativo, cunha media de asistencia duns dous mil padres conciliares procedentes de todas as partes do mundo e dunha gran diversidade de linguas e razas. Os bispos das dioceses galegas asistentes foron Fernando Quiroga Palacios, cardeal arcebispo de Santiago de Compostela, Ángel Temiño Sainz, bispo de Ourense, Jacinto Argaya Goicoechea, bispo de Mondoñedo, José López Ortiz, bispo de Tui-Vigo e Antonio Oña de Echave, bispo de Lugo, todos da corrente conservadora. Cando se inciou o concilio, o grupo episcopal centroeuropeo, con algúns outros bispos, estimulou a actividade conciliar e a súa independencia fronte á curia romana. A morte de Xoán XXIII non supuxo a fin do concilio, que el concibira como unha posta ao día da Igrexa (aggiornamento), senón que tomou un novo pulo con Paulo VI, que incentivou a presenza de auditores laicos na aula conciliar e o constante crecemento de observadores das igrexas orientais e protestantes. Comezou baixo o signo da eclesioloxía, e rematou baixo o signo do mundo e do home. Foron aprobadas e proclamadas as constitucións sobre liturxia (Sacrosanctum concilium, 25 de xaneiro de 1964), a dogmática sobre a Igrexa (Lumen gentium, 21 de novembro de 1964), a dogmática sobre a divina revelación (Dei Verbum, 18 de novembro de 1965), a pastoral sobre a Igrexa no mundo de hoxe (Gaudium et spes, 7 de decembro de 1965), os decretos sobre os medios de comunicación social (Inter mirifica, 4 de decembro de 1963), o ecumenismo (Unitatis redintegratio, 21 de novembro de 1964), as Igrexas orientais (Orientalium Ecclesiarum, 12 de novembro de 1964), o ministerio pastoral dos bispos (Christus Dominus, 28 de outubro de 1965), a renovación e adaptación da vida relixiosa (Perfectae caritatis, 28 de outubro de 1965), a formación sacerdotal (Optatam totius, 28 de outubro de 1965), o apostolado dos laicos (Apostolicam actuositatem, 18 de novembro de 1965), a actividade misioneira da Igrexa (Ad gentes, 7 de decembro de 1965), a vida e os ministerios dos presbíteros (Presbyterorum ordinis, 7 de decembro de 1965), as declaracións sobre a educación cristiá (Gravissimum educationis, 28 de outubro de 1965), a actitude da Igrexa fronte ás relixións non cristiás (Nostra aetate, 28 de outubro de 1965) e a liberdade relixiosa (Dignitatis humanae, 28 de outubro de 1965). A orientación conciliar implicou a pasaxe do xuridicismo a aquilo que é sacramental, da consagración á misión, á apertura e ao diálogo, sobre todo o ecuménico. Ademais das diversas decisións de actualización, en particular en materia litúrxica, o acento dado pola constitución sobre a Igrexa e por outros documentos á colexialidade episcopal, por unha banda, e á participación máis activa dos laicos na vida eclesial, por outra, trouxo unha profunda renovación no seo da Igrexa Católica.