Vaticano, San Pedro do

Vaticano, San Pedro do
Nome científico: [ital: San Pietro in Vaticano]

Basílica de Roma, a máis grande das catro basílicas maiores, construída en substitución da antiga basílica que Constantino erixiu no s IV sobre a tumba de san Pedro no Vaticano. Nicolao V (1447-1455) encargou un proxecto, con planta de cruz latina, a L. B. Alberti e B. Rossellino. Baixo Xulio II (1503-1513), Bramante iniciou as obras, cun proxecto de planta central. No pontificado de Sisto V (1585-1590), un novo cambio de proxecto deulle á planta forma basilical cruciforme por medio dunha nova nave que construíu C. Maderno, autor tamén da fachada. A obra foi continuada e retocada sucesivamente por Rafael, Peruzzi, Sangallo e, finalmente, por Miguel Anxo. Á morte deste (1564) faltaba unicamente a cúpula, que foi acabada en 1614 e consagrada por Urbano VIII (1626). G. L. Bernini, baixo Urbano VIII e Alexandre VII, construíu o baldaquino de bronce con columnas salomónicas (1633), a cátedra e a gran praza elíptica porticada (1657-1667). A última obra importante foi a sancristía, de C. Marchioni (s XVIII). As escavacións practicadas de 1939 a 1949 descubriron os restos dun primitivo santuario e corroboraron a tradición da tumba de san Pedro no lugar da confesión, baixo o altar maior.