Venecia

Venecia
Nome científico: [ital: Venezia]

Capital da rexión de Véneto, Italia, e da provincia homónima (266.181 h [2001). Situada á beira do mar Adriático, xurdiu no medio dunha lagoa, sobre un arquipélago de máis dun cento de illas, separadas por unha rede de canais, a 4 km da terra firme e a 2 km do mar aberto, do que está separado por un cordón litoral. A arteria urbana máis importante é o Canal Grande, de 3,8 km de lonxitude e de 30 a 70 m de largo, que forma un grande S. Unha ponte ferroviaria (1841-1846) e outra vial (1933) unen o centro con terra firme. Desde a Idade Media a cidade tivo unha gran prosperidade, ligada principalmente á actividade do seu porto. A obstrución do porto tradicional obrigou a construír un novo, Marghera. O centro histórico, ameazado polo lento afundimento dentro da lagoa, conserva as actividades do turismo, os servizos e o artesanado. Hai unha estación balnearia en Lido. A orixe de Venecia está nos lugares onde se estableceron os vénetos fuxindo de Atila (452-453) e dos longobardos de Alboíno (568). As discordias entre Heraclea, residencia do poder civil, e as poboacións veciñas, así como as loitas internas de partidos rivais fixeron que o centro gobernativo fose trasladado a Malamocco, en terra insular (s VIII), e posteriormente a Rialto (s IX).   Do seu patrimonio cultural destacan a basílica de San Marco, comezada no s IX; o Palazzo Ducale, fundado no s IX e reconstruído nos ss XII, XIV e XV; a Libreria di San Marco, a Loggetta, o palacio Corner e a Zecca, do s XVI; e a igrexa de Santa Maria della Salute (1631-1687). Das manifestacións culturais internacionais cómpre sinalar a Biennale d’Arte e o Festival de Cinema. En Venecia inaugurouse o primeiro teatro público dedicado ao drama musical.