Véneto
Rexión do NL de Italia (18.391 km2; 4.490.586 h [2001]). A capital é Venecia. Esténdese entre a fronteira austríaca, o Mar Adriático de N a S, e entre Friúl-Venecia Xulia, no L, Trentino-Alto Adige e Lombardía, no O, e Emilia-Romaña no S. Morfoloxicamente, distínguese un sector montañoso, que constitúe a zona meridional do sector oriental alpino, ao N, e a chaira, ao S. A zona montañosa, ou conca superior do Piave, corresponde aproximadamente coas Dolomitas orientais. A chaira véneta é o resultado da enchente dun gran golfo por unha gran masa de materiais de aluvión cuaternarios. O clima é variado, e vai do alpino, na alta conca do Piave, ao mediterráneo, ao S. A rede hidrográfica está formada polo Piave, o Brenta e o Adige, ríos alpinos, á parte do Po, río marxinal que sinala o límite meridional da rexión. A agricultura é a actividade tradicional. Poboado polos vénetos, durante o Imperio Romano foi unha das 17 provincias da diocese de Italia. A causa das invasións sucesivas dos hunos e dos longobardos (ss V-VI), os seus habitantes emigraron para a costa adriática e as illas próximas, onde fundaron Venecia. Desde o s VI a súa historia confundiuse coa da República de Venecia. Logo da formación da Liga de Cambrai (1508), os inimigos de Venecia fixeron unha repartición dos seus dominios: Verona, Vicenza, Padua, Treviso e Rovereto pasaron ao Sacro Imperio Romano-Xermánico. Napoleón I Bonaparte dispuxo que Véneto fose entregado a Austria, tal como o ratificou o Tratado de Campoformio (1797). Pertenceu a Austria, agás o período 1805-1815 que se integrou no ; Reino de Italia, ata 1866. Antes da división actual en rexións, Véneto constituía practicamente a Venecia Euganea, dentro do territorio das Tres Venecias.