Verona
Capital da provincia homónima, en Véneto, Italia (243.474 h [2001]). Está situada á beira de Adige, ao pé de Lessini. A cidade, que conserva o aspecto medieval, desenvolveuse como un centro de comercialización e de transformación dos produtos agrícolas. Poboación de orixe celta, foi colonia romana (89 a C). Capital do reino ostrogodo de Teodorico II, estivo ocupada polos lombardos (568) e polos francos (774). Loitou contra Federico I Barbarrubia a través da Liga Veronesa aínda que, con todo, predominaron os xibelinos. Señoreada polos Della Scala (1260-1387) e polos Visconti de Milán (1387-1404), pasou ao dominio de Venecia (ss XVI-XVIII). Cedida a Austria polo Tratado de Campoformio (1797), formou parte do Reino de Italia (1805) e retornou a Austria en 1814. Integrouse definitivamente no Reino de Italia en 1866. Do seu patrimonio cultural destacan o anfiteatro, o teatro e parte das murallas romanas, a igrexa románica de San Zeno, a catedral, a ponte Scaligero, os palacios de Canosa, Bevilaqua, Pompei e Guastaveza e a Biblioteca Capitular. A cidade foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (2000).