Versailles
Cidade do departamento de Yvelines, Francia, situada 20 km ao SO de París (84.726 h [1999]). A poboación desenvolveuse a partir de 1682, ao instalarse alí Luís XIV, e perdeu importancia ao trasladarse a corte a París. Ocupada polos prusianos durante a Guerra Franco-prusiana de 1870, desde 1871 instalouse nela o goberno francés, mentres durou a loita contra a Comuna de París. O palacio, que fora pavillón de caza de Luís XIII (1624), foi transformado nunha gran residencia por Luís XIV. As primeiras obras de remodelación foron da autoría de Le Vau, a escala arquitectónica, e Le Brun a escala decorativa. Le Nôtre encargouse do parque (1661-1668), que organizou como un xardín á francesa, con grandes avenidas flanqueadas con grupos de estatuas, xardíns, fontes monumentais e Le Grande (1687) e Le Petit (1762) Trianon. En 1679 encargóuselle a Jules Hardouin-Mansart unha nova ampliación, que se centrou principalmente na zona da fachada. Do interior destaca a capela real, de Mansart (1698-1710) e a Galerie des Places (1678) de Le Brun. Considerada como o prototipo do clasicismo francés, tanto o palacio coma os xardíns da cidade foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1979).