Vigo, comarca de

Vigo, comarca de

Comarca situada no SO da Comunidade Autónoma de Galicia e no S da provincia de Pontevedra. Esténdese en sentido SO-NL ocupando toda a marxe dereita da ría de Vigo e unha ampla franxa cara ao interior, chegando no caso do concello de Fornelos de Montes ata o límite coa provincia de Ourense. Limita ao N coa comarca de Pontevedra (concellos de Pontevedra, Ponte Caldelas e A Lama), ao O coa ría de Vigo, ao S coa comarca do Baixo Miño (concellos de Oia, Tomiño e Tui) e ao L coa do Condado (Mondariz, Ponteareas e Salvaterra de Miño), aínda que algunhas parroquias de Fornelos de Montes limitan coas comarcas da Paradanta (concello de Covelo) e do Ribeiro (concello de Avión). Abrangue unha extensión de 613,4 km2cunha poboación de 395.351 h [2001]), distribuída nos concellos de Baiona (34,5 km2; 10.931 h   [2001]), Fornelos de Montes (83,1km2; 2.066 h   [2001]), Gondomar (74,5 km2; 12.176 h   [2001]), Mos (53,2 km2; 14.127 h   [2001]), Nigrán (34,8 km2; 16.110 h   [2001]), Pazos de Borbén (50 km2; 3.052 h   [2001]), O Porriño (61,2 km2; 15.960 h   [2001]), Redondela (52,1 km2; 29.003 h   [2001]), Salceda de Caselas (35,9 km2; 6.335 h   [2001]), Soutomaior (25 km2; 5.405 h   [2001]) e Vigo (109,1 km2; 280.186 h   [2001]). Na xerarquía funcional dos núcleos de poboación queda clara a diferenciación funcional entre Vigo e o resto dos concellos, algúns de carácter residencial, outros industriais ou turísticos e uns poucos aínda con carácter predominante agrícola.
Xeografía física
O relevo da comarca de Vigo caracterízase pola súa ampla liña de costa, cunha gran variedade de praias areosas, polas elevacións nororientais da serra do Suído e polos suaves vales que conectan estes montes coa ría. De NO a SL a altitude descende desde os 1.059 m do Coto do Minuto ou os 1.007 do Outeiro Vello, no concello de Fornelos de Montes, ata o nivel do mar na ría de Vigo, nos concellos de Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán e Baiona. De maneira xeral diferénciase o relevo dos concellos que teñen litoral marítimo (Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán e Baiona), o dos concellos máis montañosos   (Fornelos de Montes e Pazos de Borbén) e o dos concellos interiores que forman parte de extensos vales fluviais (Gondomar, Mos, O Porriño e Salceda de Caselas). A serra do Suído ocupa unha extensión reducida no extremo NL da comarca e forma parte da Dorsal Occidental   Galega. As maiores altitudes danse no límite do concello de Fornelos de Montes coa provincia de Ourense e co concello de Covelo, nas elevacións antes sinaladas, conformando un sector moi diferente ao resto do espazo comarcal. As dificultades que imprime o relevo e a maior dureza do clima nas áreas máis elevadas condicionan a localización dos asentamentos humanos nos pequenos vales fluviais, afluentes do río Parada no caso de Fornelos de Montes e nos ríos Borbén e Nespereira en Pazos de Borbén.   Mos, O Porriño e Salceda de Caselas caracterízanse desde o punto de vista da xeografía física polos amplos vales que a disección fluvial escavou. O curso do río Louro nos dous primeiros concellos, e o do Caselas, no segundo, ambos afluentes do Miño, crean en dirección N-S amplos corredores por onde se trazan as principais vías de comunicación e nos que se distribúen os núcleos de poboación. En Gondomar, a pesar de ter unha altitude media por debaixo dos 50 m, os cursos fluviais, ríos Miñor, Zamáns e Groba, non teñen influído na disposición do relevo tan claramente como nos tres casos anteriores, e na paisaxe xeral do concello destaca a alternancia de suaves outeiros e elevacións de maior resalte, como o Galiñeiro (701 m). En Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán e Baiona, destacan os máis de 50 km de costa na marxe esquerda da ría de Vigo. Unha costa na que se suceden praias, instalacións portuarias, viveiros de mariscos e áreas residenciais. Destacan as prais de Cesantes, Samil, Panxón e Praia América. Xeoloxicamente, a comarca de Vigo pode definirse pola heteroxeneidade da súa litoloxía. No extremo máis setentrional, na enseada de San Simón, aparecen materiais aluviais do Cuaternario, do tipo de marismas e plataformas intersticiais. Tamén nos cursos fluviais aparecen capas de sedimentos aluviais da mesma etapa, pero con menor intensidade. No amplo espazo central a litoloxía dominante é a de rochas metamórficas, gneis e paragneis, que se xeran a través de procesos de metamorfismo de contacto ao tratarse dun territorio cunha tectónica moi dinámica e numerosos eixes de fractura. Bordeando este espazo central hai moitos sectores con rochas ígneas, fundamentalmente granitos de afinidade alcalina, aínda que tamén se individualiza no extremo suroriental o batolito de granodiorita do Porriño, que se estende cara ao S ata alcanzar territorio portugués. Climaticamente, a comarca sitúase dentro da tipoloxía oceánica atlántica galega. As precipitacións son abundantes e distribuídas de forma equilibrada ao longo do ano pola influencia oceánica, mentres as temperaturas son suaves no inverno e cálidas no verán. As circunstancias matízanse tendo en conta a proximidade á ría ou a topografía. Así, a medida que se afastan da costa no seu punto máis meridional e se aproxima á serra do Suído ao NL aumentan as precipitacións, desde os 1.700 mm aproximados de Nigrán ou a marcada aridez estival de Baiona ata os case 2.900 mm de Fornelos de Montes, un dos concellos máis chuviosos de Galicia. O mesmo, aínda que en sentido contrario, acontece coas temperaturas, cun gradiente NL-SO en que se vai producindo unha elevación dos índices térmicos. En Fornelos de Montes a temperatura máxima mensual sitúase en 17°C, mentres que   en Nigrán ou Vigo supera os 20°C, e as temperaturas mínimas mensuais son no primeiro concello de 5°C e nos outros de 10°C. A amplitude térmica tamén se reduce coa proximidade ao litoral, polo efecto de colchón térmico do océano, e os concellos costeiros presentan unha diferenza de temperaturas medias máximas e mínimas ao redor dos 10°C, mentres que os concellos do interior superan os 12°C. A vexetación maioritaria corresponde a plantacións de piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A poboación caracterízase pola influencia que a cidade de Vigo exerce sobre os demais asentamentos, distribuídos en diferentes niveis xerárquicos. A evolución demográfica ao longo do s XX presenta catro tipos diferentes de comportamento. En primeiro lugar atópase o crecemento de Vigo, o centro da rexión urbana, que experimentou un crecemento sostido desde a primeira década, pasando de 45.913 h (1900) a 280.186 h   (2001). A continuación sitúanse cinco concellos que amosan tamén unha salientable evolución positiva. Baiona rexistrou un crecemento importante, especialmente a partir da década de 1970, chegando case a triplicar a súa poboación, desde 4.423 h (1900) ata 10.931 h (2001). Nunha situación moi semellante atópase o concello de Nigrán que pasou de 6.180 h (1900) a 16.110 h (2001). Redondela pasou de 10.843 h(1900) a 29.003 h (2001), aínda que a diferenza dos concellos anteriores o proceso de maior expansión comezou na década de 1960, o que tamén lle sucedeu ao Porriño, que pasou de 7.243 h (1900) a 15.960 h (2001), e a Mos, que pasou de 6.904 h (1900) a 14.127 h (2001). Nos dous primeiros casos trátase dun modelo de desenvolvemento baseado principalmente nos recursos turísticos, mentres que os outros deben o seu crecemento ao feito de configurarse como o cinto industrial de Vigo. Nunha terceira categoría están Gondomar, Soutomaior e Salceda de Caselas, cun comportamento máis regular ao longo do século. Gondomar pasou de 7.842 h (1900) a 12.176 h (2001), Soutomaior de 3.275 h (1900) a 5.405 h (2001) e Salceda de Caselas 4.408 h (1900) a 6.335 h (2001). Por último sitúanse os concellos de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén, os dous máis afastados de Vigo e de maior carácter rural. En Pazos de Borbén o balance do s XX resulta lixeiramente positivo, pois pasou de 2.887 h (1900) a 3.052 h (2001), pero en Fornelos de Montes a evolución é negativa, pois pasou de 2.795 h (1900) a 2.066 h (2001). Estes dous últimos concellos perden vitalidade demográfica polos movementos migratorios cara a Vigo. A composición por idades varía concello a concello, pero predomina a maior xuventude da estrutura demográfica dos concellos litorais e industriais fronte ao relativo avellentamento do interior. Segundo os padróns municipais de 2004, o 15,9% dos habitantes da comarca tiña 65 ou máis anos fronte ao 14,1% de menores de 15 anos. Non obstante, as diferenzas eran notables entre os dous concellos máis avellentados, Fornelos de Montes, co 25,6% de poboación de 65 ou máis anos, e Pazos de Borbén, co 24,2%, fronte aos dunha estrutura demográfica máis nova, como O Porriño, co 13,6%, ou Mos, co 15,8%. No tocante á distribución por sexos, predominan as mulleres (51,9%) fronte aos homes (48,1%).
Xeografía económica
A poboación activa da comarca de Vigo en 2001 estaba formada por 186.547 persoas, das cales estaban ocupadas 160.383, datos que reflectían un índice de desemprego bastante elevado, o 14%, aínda que do número total de desempregados, 26.164, só o 18,7% estaba na procura do seu primeiro emprego. Pola súa parte, a poboación inactiva que residía en vivendas familiares era de 206.724 persoas, de tal forma que a taxa de actividade da comarca era do 47,4%, pois se contabilizaba máis poboación inactiva (fundamentalmente estudantes e pensionistas) que activa. Por concellos destaca o maior índice de desemprego dos concellos montañosos do interior. En Fornelos de Montes a taxa de paro era do 33,3%   e en Pazos de Borbén do 26,1%. A continuación situábase o concello de Soutomaior, que pese á súa mellor localización dentro do eixe económico do litoral tiña unha taxa de paro de 20,1%. Noutro extremo aparecían os dous concellos do litoral máis meridional, cun importante peso do sector turístico e un nivel de rendas elevado. Baiona só rexistraba un desemprego do 7,3% e Nigrán do 8,2%. En terceiro lugar aparecía   Salceda de Caselas, cunha taxa de 9,2%. Os concellos de maior peso demográfico tiñan un índice de desemprego máis próximo á media, Redondela o 13,7% e Vigo o 14,7%. A porcentaxe de poboación activa por sectores reflicte a importancia do sector industrial, pois aínda que o terciario sexa o sector que agrupa un maior número de traballadores (62,4%), a industria concentraba o 25,7% da poboación activa. O sector primario ocupa o 3,2%, non obstante a maior parte destes activos, o 2,3% do total, ocúpanse na pesca. Por concellos, a agricultura só tiña certa importancia en Pazos de Borbén (4,1%) e Salceda de Caselas (3,8%). Na comarca de Vigo dáse a maior porcentaxe de poboación dedicada á agricultura a tempo parcial de toda Galicia, pois é moi normal que as persoas que habitan na rexión urbana viguesa, aínda que traballen diariamente no secundario ou no terciario, manteñan a explotación agropecuaria tradicional, co obxectivo de complementar as rendas que chegan á unidade familiar dos outros sectores económicos. A pesca ocupa o 0,9% da poboación activa. Ocupa o 12,8% dos activos en Baiona, o 4,8% en Nigrán, o 5,6% en Redondela, o 5,2% en Soutomaior e o 1,5% en Vigo. O emprego industrial, o 25,7% total da comarca, distribúese de forma moi desigual, desde o 16,4% de Baiona ou o 19% de Fornelos de Montes, ao 40,3% de Salceda de Caselas, o 39,6% de Mos ou o 39,1% do Porriño. No concello de Vigo a poboación ocupada na industria supón o 23,8% do total. A construción grupa o 8,7%, da poboación activa da comarca, ten especial importancia   en Pazos de Borbén (19,5%), Fornelos de Montes (19,5%) e Gondomar (18,7%). O sector servizos agrupa o 62,4% da poboación activa da comarca, porcentaxe só superada en Vigo co 67,4% da súa poboación activa, chegando no extremo contrario ao 39,4% en Salceda de Caselas. Na economía recente da comarca hai que sinalar unha evolución cíclica importante. A comezos da década de 1960, cando se creou o Polo de Desenvolvemento Vigo-O Porriño, existía un gran pulo do sector, principalmente motivado polo establecemento de Citröen, que segue a ser a grande empresa de Vigo. Á súa beira creáronse numerosas empresas doutros moitos sectores que pouco a pouco foron substituíndo a estrutura da industria tradicional. Nas décadas de 1970 e 1980 sufriuse a crise definitiva do sector tradicional, personificado nas industrias navais e nas conserveiras. Na década de 1990 a outra grande empresa da comarca, Pescanova, estendeu o seu espazo de negocio por todo o mundo, mentres que as empresas de tamaño medio e pequeno pasaron por unha profunda adaptación ás novas condicións dos mercados. A comenzos do s XXI, a comarca viguesa segue a reforzar o seu importante papel na economía galega, nun eixe atlántico cada vez máis claro, que desborda a fronteira estatal. Na rede viaria destaca a autoestrada AP-9 que percorre a comarca de norte a sur, o mesmo que a liña de ferrocarril A Coruña-Vigo, e a autovía A-52, que conecta a comarca a través de Ourense coa Meseta, seguindo a mesma dirección L-O que a liña de ferrocarril Madrid-Zamora-Ourense-Vigo.
Historia
A antigüidade do poboamento da comarca viguesa amósase nos numerosos restos arqueolóxicos espallados no seu territorio. Cómpre destacar, entre eles, o xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño (O Porriño), o megálito de Porto da Arca na Laxe (Fornelos de Montes), as mámoas dos Bermús e da Pasaxe en Vincios e o túmulo da Medoña en Morgadáns, ambos os dous en Gondomar, a Pedra da Cabalaria e os túmulos dos altos de San Colmado e o Rebullón en Mos ou as mámoas da Madroa, o Vixiador e monte Penide en Vigo. Atopáronse numerosos gravados rupestres, entre eles destacan o de Coto do Galo, en Fornelos de Montes, os da Auga da Laxe en Gondomar, os de Camos, Chandebrito e Priegue en Nigrán, a Pedra das Tensiñas e o de Ferreira en Pazos de Borbén, o de Monte Castelo no Porriño, os de Negros e Ventosela en Redondela ou os de Fragoselo e San Lourenzo en Vigo. A cultura castrexa tamén deixou a súa pegada en diversos xacementos como os castros de Monte da Cividade, en Fornelos de Montes, Pedra Moura e Coto do Castro en Gondomar, Guizán e Petelos en Mos ou os de Priegue e da Medoña en Nigrán. A presenza romana amósase nos vestixios atopados nas illas Cíes ou no xacemento do Castro en Vigo, nos restos da vía que pasaba por Couto e Donas (Gondomar) e das que atravesaban A Ramallosa (Nigrán) cara a Vigo, o miliario procedente da vía militar que unía Braga con Santiago atopado en Mos ou os restos cerámicos de Monteferro (Nigrán), ademais das vilas espalladas polo litoral como as de Alcabre ou Toralla, ambas as dúas en Vigo. As terras da comarca están tamén atravesadas polo Camiño Portugués de peregrinación a Santiago. Durante a Idade Media diversos concellos da comarca foron escenario das Guerras Irmandiñas con Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, como protagonista. A proximidade coa fronteira con Portugal provocou que as terras da comarca fosen un dos escenarios do enfrontamento entre as coroas castelá e portuguesa. Así, en 1370 o rei portugués Fernando I fixou a súa residencia en Baiona. O porto de Baiona, que gozaba do privilexo de poder descargar nel mercadorías estranxeiras e de importar e exportar calquera tipo de mercadoría, recibiu en 1493 a carabela La Pinta coa nova do descubrimento de América. A Idade Media é unha época escura na historia do concello de Vigo, sábese polas construcións relixiosas das que se ten constancia que estas terras pertenceron á Igrexa. Esta foi tamén a época dos trobadores, Martin Codax e Mendi-nho, que cantaron á ría de Vigo. A Idade Moderna estivo marcada polos conflitos da coroa hispánica. No s XVI producíronse os ataques do inglés F. Drake e no s XVII os dos piratas turcos, pero o acontecemento máis relevante deste período foi a Batalla de Rande (1702) que enfrontou a frota franco-española coa anglo-holandesa no fondo da ría de Vigo. En 1778 Carlos III rompeu o monopolio dos portos autorizados para comerciar con América, o que beneficiou o porto de Vigo. O desenvolvemento económico de Vigo iniciouse no s XVIII cando se instalaron comerciantes e industriais cataláns. Creáronse entón fábricas de salgadura, de xabóns e de produtos de coiro e de liño. O desenvolvemento de Vigo provocou que o porto de Baiona frease o seu crecemento, comezando entón a súa dependencia da cidade de Vigo, como os demais concellos da bisbarra. Durante o Antigo Réxime os concellos que formaban a comarca pertenceron a diversas xurisdicións, civís e eclesiásticas, exercidas, entre outros, polo duque de Soutomaior, os condes de Gondomar, Salvatierra ou Maceda, o bispo de Tui ou o arcebispo de Santiago de Compostela. A Guerra da Independencia tivo algúns dos seus episodios en Gondomar, Redondela, Nigrán ou Vigo, cidade que houbo que recuperar das mans dos franceses. Ao longo do s XIX produciuse o desenvolvemento industrial de Vigo, acompañado do crecemento e da expansión da cidade e da creación dunha burguesía que asumiu os poderes económicos e políticos da cidade. O porto aumentou as súas relacións con América e desde 1855 establecéronse servizos de comunicación marítimos periódicos con La Habana, Bos Aires ou Puerto Rico. Ademais foi o lugar de partida, principalmente durante o primeiro terzo do s XX, de milleiros de emigrantes galegos. Xunto ás conserveiras naceron outras empresas relacionadas, como os estaleiros ou as instalacións frigoríficas. O dinamismo económico e cultural da cidade freouse co comezo da Guerra Civil. O mesmo 18 de xullo de 1936 proclamouse o estado de guerra e a resistencia republicana do entón concello de Lavadores foi sometida aos poucos días. A economía continuou a basearse no mar, pero o grande impulso para o desenvolvemento económico da cidade e da comarca foi a creación da Zona Franca e a instalación de Citröen, o que provocou tamén o nacemento de empresas auxiliares que atraeron poboación á cidade e aos concellos limítrofes.   O eixe Vigo-O Porriño formou un dos espazos industriais máis importantes de Galicia. Outros concellos especializáronse máis nas actividades turísticas ou residenciais, como Baiona, Nigrán ou Gondomar, mentres que os concellos interiores, como Pazos de Borbén ou Fornelos de Montes, teñen un carácter máis agrícola. Coa creación dos primeiros concellos constitucionais tras a proclamación da Constitución de 1812 xurdiron varios concellos que en 1835 deron lugar aos actuais. Houbo integracións e segregacións duns concellos noutros, como o de Fornelos de Montes, que pertenceu a Soutomaior entre 1835 e 1870; os de Panxón e A Ramallosa, que crearon Nigrán; ou a absorción por parte do concello de Vigo de Teis, Cabral, Lavadores, Bouzas e Valadares.
Patrimonio cultural
A comarca viguesa conta cun rico patrimonio histórico, artístico e etnográfico que hai que engadir ao patrimonio arqueolóxico mencionado. Na arquitectura relixiosa destacan as ruínas da igrexa visigoda de San Xoán de Panxón en Nigrán e, de estilo románico, a capela de Santa María en Baíña (Baiona) e as igrexas de Santa Baia de Donas e Santa Mariña de Vincios en Gondomar, San Salvador de Budiño, no Porriño, ou Santa María de Castrelos, Santiago de Bembrive e San Salvador de Coruxo en Vigo. As igrexas de San Vicente de Mañufe e San Miguel de Piteiros en Gondomar, Santo André de Cedeira (Redondela) e Santa María de Salceda (Salceda de Caselas), que pertenceu ao antigo mosteiro, son todas do s XVIII; e as de San Bieito de Gondomar e Santiago de Vigo, neogóticas. Do arquitecto porriñés Antonio Palacios destacan o templo votivo do Mar de Panxón (Nigrán), o mosteiro da Visitación das salesas reais (Vigo), a casa do concello do Porriño e o monumento da Virxe da Rocha en Baiona. A arquitectura civil da comarca é moi abondosa e nela destacan os castelos de Monte Real, convertido no Parador Nacional de Turismo Conde de Gondomar, en Baiona, e o de Soutomaior (BIC, 1995), e os restos da torre de Alemparte, en Fornelos de Montes, ademais dos numeros pazos e casas señoriais, como os pazos de Gondomar, Mos, Cea e A Touza en Nigrán, as torres de Agrelo en Redondela, os pazos de Budiño e A Picoña en Salceda de Caselas, ou os pazos da Pastora (BIC, 1955), San Roque e Castrelos (BIC, 1955) en Vigo. Dos monumentos públicos hai que destacar, ademais dos localizados na cidade de Vigo, o Monumento aos Mártires do Mar en Monteferro (Nigrán). No eido do patrimonio etnográfico destacan os cruceiros da Trindade en Baiona, o de Ánimas de Torroso en Mos, o de Mañufe en Godomar ou o do Cristo en Salceda de Caselas; ademais dos petos de ánimas de San Miguel de Ventín en Fornelos de Montes, o do cemiterio de Reguengo en Mos, e os de Fragoselo e o Vello de Bouzas en Vigo. Na comarca celébranse numerosas festas e romarías, tanto relixiosas como civís. Entre as relixiosas destacan as festas da Virxe da Anunciada, coa Danza das Espadas, as de Santa Liberata e as romarías dos santos Cosme e Damián e a da Virxe da Rocha en Baiona; as festas de San Bieito e San Lourenzo en Fornelos de Montes; a de Reis, co desfile de rondallas e ranchos, e as do Corpus Christi, coa realización das alformbras florais, en Gondomar; as de San Mamede, San Cosme e a Virxe do Libramento en Mos; a Virxe das Angustias, as de San Xoán de Panxón, e a Virxe do Carme en Nigrán; as da Virxe da Branca e a Virxe dos Remedios e a romaría de Santo Amaro en Pazos de Borbén; as do Cristo e as de San Bieito no Porriño; as do Corpus Christi, coa saída da Coca e as danzas das Espadas e das Penlas, en Redondela; as do Cristo e Nosa Señora do Libramento en Salceda de Caselas; o luns de Pascua e o San Caetano en Soutomaior; e as festas de San Roque e o Santísimo Cristo da Vitoria en Vigo. Celébranse, entre outras festividades laicas, as festas da Arribada, que conmemora a chegada de La Pinta a Baiona; a Festa da Rosa en Mos; as dúas festas da sardiña, unha no Monte Castelo e outra en Monteferro, e a da Cadelucha, en Nigrán; o Entroido e as festas das Papas e das Chulas en Pazos de Borbén; a Festa dos Callos no Porriño; o Entroido e a Festa dos Callos en Salceda de Caselas; a Festa da Ostra de Arcade, en Soutomaior; ou as da Cereixa en Beade, do Pan de Millo en Cabral, e a da Reconquista, en Vigo, ademais dos curros de Morgadáns, Donas, Mañufe e o Galiñeiro, en Gondomar.