Vigo, Santa María de
Igrexa situada no centro histórico de Vigo. Antiga colexiata, comparte a condición de cátedra do bispo da diocese de Tui-Vigo coa catedral de Nosa Señora da Asunción de Tui. Obra de Melchor de Prado, construíuse a partir de 1815 en estilo neoclásico. Ten planta basilical de tres naves. As laterais sepáranse da central por monumentais columnas toscanas sobre as que se estende un entaboamento con métopas e tríglifos; sobre este atópase unha cornixa na que se apoia a bóveda de canón, en cuxo arranque se abren vans en forma de arco que iluminan cenitalmente o templo. A fachada está enmarcada por dous campanarios. O corpo central remata nun frontón clásico e sobrio. No interior acóllese a imaxe do Santísimo Cristo da Vitoria. Foi declarada BIC en 1946.