Vigo, Santiago de
Igrexa parroquial situada en Vigo. Proxectouna Manuel Felipe Quintana e construíuse entre 1896 e 1907 en estilo neogótico. Ten tres naves, a central de maior altura e anchura, cubertas con bóveda de cruzaría, reforzadas por contrafortes laterais que rematan en pináculos. As naves laterais sepáranse da central por arcadas e piares compostos. A ábsida é poligonal. O interior ilumínase a través das vidreiras das ventás e dos óculos trilobulados dos muros laterais. O exterior presenta un aspecto macizo polo reducido número de vans. A fachada principal organízase en tres rúas: a central, de maior anchura, está composta por un corpo baixo amodo de pórtico tripartito, e nun corpo superior no que destaca unha gran ventá de estilo oxival; as laterais rematan en campanarios finalizados en torres piramidais.