Vilagarcía, Porto de
Porto da beira meridional da ría de Arousa, no litoral da parroquia de Vilagarcía, concello de Vilagarcía de Arousa. As instalacións portuarias esténdense ao longo de máis de 2 km e inclúen peiraos comerciais, de viaxeiros, pesqueiros e deportivos. Ocupan unha superficie de 431.086 m2. O volume de tráfico descargado en 2002 foi de 1.154.000 toneladas. O porto tivo a súa orixe no do Carril, que foi o primeiro en Galicia que contou con servizo de ferrocarril (1873). A súa expansión obrigouno a situarse na parroquia limítrofe de Vilagarcía, que ofrecía maior calado. Alí construíuse a partir de 1878 un peirao de 400 m. Declarado porto de interese xeral do estado en 1888, xestiónao a Autoridade Portuaria de Vilagarcía. En 1982 as instalacións de Vilaxoán e do Carril, que ata entón dependían da Xunta de Obras do Porto de Vilagarcía, foron transferidas á administración autonómica, mentres que as de Vilagarcía mantiveron o seu carácter estatal.