Villar Ponte, Antón

Villar Ponte, Antón

Escritor e político, irmán de Ramón Villar Ponte. Licenciouse en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela (1901) e desde moi novo interesouse pola política, un aspecto que xa se albiscaba nas súas primeiras colaboracións xornalísticas, especialmente nos artigos do semanario republicano Nueva Brisa, fundado por el mesmo. Durante a súa estadía en Santiago militou na á esquerda do republicanismo e colaborou en El Combate. En 1904 estableceuse como farmacéutico en Foz e participou na redacción do periódico satírico Guau-Guau; ademais seguiu colaborando con outros xornais de corte liberal e republicano de Galicia e do resto de España. Relacionado con Leiras Pulpeiro e Noriega Varela, grazas á súa influencia relacionouse co galeguismo e coa escrita, tal e como amosa a publicación anticaciquil A pátrea do labrego (1905). En 1906 marchou a Madrid, onde exerceu como xornalista de El País. Ao ano seguinte decidiu regresar a Galicia e participou como redactor de Tierra Gallega. Por mor das dificultades económicas que atravesaba emigrou a La Habana, onde dirixiu o Diario Español e algunhas revistas, como Alma Gallega e Follas Novas. Foi secretario da Comisión Protectora da Real Academia Gallega e participou no movemento galeguista, á vez que contactaba con Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas. Retornou a Galicia en 1910 e exerceu como correspondente do Diario de La Marina e de Correspondencia, foi redactor de La Voz de Galicia na Coruña e presidente da Asociación da Prensa coruñesa. Neses anos contactou con diversos intelectuais do galeguismo, como Manuel Murguía, Aurelio Ribalta e, especialmente, con Manuel Lugrís Freire. Partindo do seu republicanismo federalista, a súa ideoloxía avanzou cara ás teorías murguianas, que definían a Galicia como nación, natural e histórica, cunha serie de trazos de seu, como a lingua, a cultura, a xeografía e a raza. Nesa liña, a comezos de 1916 decidiu crear, coa axuda do seu irmán Ramón, unha Liga de Amigos del Idioma Gallego que se converteu en realidade na primeira Irmandade dos Amigos da Fala, constituída o 18 de maio dese mesmo ano nos locais da Real Academia Galega. Elixido presidente, publicou o folleto “Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional”, unha colección dalgúns dos seus artigos escritos en La Voz de Galicia, e comezou a actividade do que foi o voceiro oficial das Irmandades, o xornal A Nosa Terra, dirixido e redactado por M. Lugrís Freire, Lois Peña Novo e el mesmo. Desde ese momento participou en diversos mitins nas principais vilas galegas, nos que aproveitou para facer un chamamento a prol da colaboración entre o nacionalismo e os movementos de esquerdas, principalmente aqueles que defendían a clase obreira. Tras a visita de F. Cambó a Galicia, en que apoiou as teses dos galeguistas, liderou unha delegación galega que pronunciou unha conferencia sobre historia do galeguismo en Barcelona. A través desta relación buscábase unha alianza de cara ás próximas eleccións. Neste mesmo sentido e, coa axuda financeira catalá, mercou o diario coruñés El Noroeste, que el mesmo dirixiu entre febreiro e agosto de 1918. Tras o fracaso das eleccións de febreiro de 1918, produciuse unha escisión no seo das Irmandades coa marcha de Rodrigo Sanz e os que apoiaban as súas teses, mentres que o grupo liderado por el mesmo se viu reforzado coa colaboración dos integrantes do Grupo Nós. En 1919 colaborou na formación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego e desde 1920 na revista Nós. A influencia de Vicente Risco provocoulle certo distanciamento con respecto aos seus antigos compañeiros e, xa que logo, a súa dimisión (1921) como director de A Nosa Terra. Ao ano seguinte apoiou as teses de Risco e Losada Diéguez e xuntos fundaron a Irmandade Nazonalista Galega. Coa chegada da Ditadura de Primo de Rivera foi nomeado concelleiro pola Coruña, aínda que dimitiu en breve xa que observou que con ese sistema político era imposible acadar os seus obxectivos de autonomía para Galicia. Desde ese intre, comezou a súa viaxe desde o tradicionalismo cara ao nacionalismo democrático. No apartado literario, que intensificou durante a Ditadura (1924-1929), destaca o drama Entre dous abismos (1920), a novela dialogada Almas mortas (1922), a obra O Mariscal (1926), de R. Cabanillas, da que probablemente só escribiu o prólogo; e diversos artigos que publicou en Galicia e El Pueblo Gallego. En 1928 integrou as súas pezas teatrais nun Tríptico. Do Caciquismo: A patria do labrego. Da emigración: Almas mortas. Da superstición: Entre dous abismos. Da súa idea de crear un Partido Liberal Autonomista Gallego, xurdiu a ORGA, que fundou en colaboración con Santiago Casares Quiroga e outros galeguistas republicanos da Coruña. Nas eleccións de 1931 foi elixido deputado pola Coruña e nomeado xefe da minoría republicana galega nas Cortes; desde esa posición defendeu unha organización republicana e federal para o Estado español. A idea de dotar a Galicia do seu propio Estatuto de Autonomía decaeu a medida que a ORGA se achegaba máis ao republicanismo de esquerdas español. En 1934 rompeu a súa relación con Casares Quiroga e pasou a militar no Partido Galeguista, á vez que ingresaba na Real Academia Galega, co discurso titulado “Louvanza de Lago González”. En 1934 publicou Os evanxeos da risa absoluta e en 1935 Noiturnio de medo e morte. Nas filas do PG defendeu a política de Alexandre Bóveda e Castelao de achegarse a Izquierda Republicana para tentar conseguir o Estatuto para Galicia. Tras o bienio de goberno da dereita celebráronse novas eleccións en 1936 ás que concorreu o PG, integrado na Fronte Popular. Tras o plebiscito, acadou novamente acta de deputado, aínda que a súa prematura morte lle impediu ver o final do proceso político. Postumamente editáronse Escolma de artigos nazonalistas (1936) e Pensamento e sementeira (1971), en que se inclúen ensaios, artigos e conferencias publicados xa na prensa. Neste mesmo libro, que alterna textos en galego e castelán, aparecen os apartados “Figuras”, onde se fala da vida e obra dalgúns autores galegos, “Glosas literarias e artísticas”, “Temas políticos” e “Traballos doctrinás”.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Viveiro

  • Deceso

    Lugar : A Coruña