Villar Ponte, Ramón

Villar Ponte, Ramón

Político e escritor, irmán de Antón Villar Ponte. Licenciouse en Filosofía e Letras en Madrid (1916), onde tamén colaborou na prensa. Influído polo seu irmán Antón, adscribiuse ao galeguismo de corte republicano e democrático, e foi el quen ideou a formación das Irmandades da Fala (1916). Participou, ao igual ca o seu irmán, nos mitins e conferencias en que se explicaban as teorías do emerxente nacionalismo galego, tal e como plasmou nas páxinas de A Nosa Terra. Xunto con Xaime Quintanilla organizou a Irmandade da Fala de Ferrol e participou na redacción dos seus boletíns. En 1921 pasou a dirixir El Correo Gallego, daquela instalado en Ferrol, aínda que tivo que dimitir en breve tempo. Nese ano publicou Doctrina nazonalista, que constitúe un dos intentos por sistematizar o proceso do galeguismo nas primeiras décadas do s XX, ligándoo ao republicanismo federal que profesaba e sen rexeitar a influencia doutras ideoloxías políticas. Tamén nese ano participou na fundación da editora ferrolá Céltiga, da que foi xerente. Colaborou na creación da Irmandade Nazonalista Galega (1922). Ese ano trasladouse a Viveiro e participou na vida política como delegado da ING e da Confederación Agraria Gallega. Coa chegada da Ditadura de Primo de Rivera produciuse certa parálise nos sectores galeguistas, polo que decidiu dedicarse a publicar, como o ensaio O sentimento nazonalista e o internazonalismo (1929), co que ingresou (1927) no Seminario de Estudos Galegos, e no que pretendía demostrar que o nacionalismo era a mellor doutrina política para chegar á igualdade democrática dos pobos. A este volume cómpre engadir Historia sintética de Galicia (1927). Neses anos foi correspondente de El Sol e La Voz de Madrid, e colaborador de Galicia e El Pueblo Gallego de Vigo. En 1929 participou na fundación da ORGA e, en 1931, coa proclamación da República, foi elixido alcalde de Viveiro. Por mor da orientación política da ORGA, en 1932 decidiu abandonala e ingresar no Partido Galeguista. Dous anos despois fundou as Mocedades Galeguistas do PG en Viveiro. En 1933 publicou Breviario de Autonomía (1933), co que difundiu a posición oficial do PG con respecto ao Estatuto, que defendeu de xeito tenaz en 1936 coa súa participación en diversos mitins e conferencias; ademais, contribuíu á creación da Asociación de Escritores de Galicia, un proxecto que non puido levar a cabo o seu irmán Antón. No apartado narrativo, en 1935 publicou Teatro irlandés. Dous folk-dramas de W. B. Yeats, que traduciu xunto ao seu irmán Antón e Plácido Castro. Tras a Guerra Civil Española sufriu duras represalias e trasladouse á Coruña, onde exerceu como profesor de xeografía e historia nun colexio privado, colaborou coa prensa galega e americana co pseudónimo de Licenciado Pravío, e enviou algúns dos seus traballos á BBC. En 1949 foi elixido membro da Real Academia Galega co discurso “A xeración do 16” e publicou Días, hechos y hombres de la Real Academia Gallega (1953).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Viveiro

  • Deceso

    Lugar : A Coruña