Virginia

Virginia

Estado de EE UU (105.586 km2; 7.078.515 h [2000]). A capital é Richmond. Limita ao NL co estado de Maryland, ao NO e a O cos estados de West Virginia e Kentucky, ao S co de Tennessee e Carolina do Norte e ao L co Océano Atlántico. Na banda occidental está a cordilleira de Blue Ridge, do sistema dos Apalaches, que atravesa o estado de NL a O, e no extremo suroccidental os límites inclúen unha parte do altiplano de Cumberland e o Piedmont, rexión montañosa atravesada polos ríos que baixan dos Apalaches, que a serra de Fall Line separa da chaira costeira. Na agricultura destaca o cultivo de cacahuetes e tabaco, e o armentío vacún e porcino. A industria engloba un sector tradicional (téxtil, da confección e de elaboración de tabaco) e outro máis moderno (papel, construción naval, mobles, produtos químicos e metalurxia). As áreas industriais concéntranse en Richmond, Norfolk-Portsmouth, Newport News-Hampton, Roanoke, Alexandria e Arlington. O seu nome aplicouse inicialmente á costa atlántica norteamericana situada entre as colonias francesas (ao N) e españolas (ao S). Foi tamén o nome que W. Rahleig lle deu á primeira colonia inglesa (1584). A colonización efectiva deste territorio foi iniciada pola London Company, que fundou nela Jamestown (1607). Convertida en colonia real (1624), foi a primeira en declararse independente (1776) e unha das que máis influíron na creación de Estados Unidos. Durante a Guerra de Secesión aliñouse cos estados sudistas,que fixaron en Richmond a capital da Confederación Sudista.

Palabras veciñas

virelai | virga* | Virgen del Cristal, La | Virginia | Virginia Beach | virgo | Virgo