Virxes, illas

Virxes, illas

Arquipélago das Pequenas Antillas formado por un centenar de illas e illotes que se estenden en arco entre as Pequenas Antillas e as Grandes Antillas, nunha lonxitude duns 100 km, entre o L de Puerto Rico e o estreito de Anegada, que conecta o Oceáno Atlántico e o mar das Antillas (500 km2; 143.200 h [estim 2001]). De orixe volcánica e coralina, asentáronse enriba da plataforma submarina de Puerto Rico. As Illas Virxes Británicas (153 km2; 21.000 h [estim 2001]) están integradas por unhas 40 illas; as principais son Tórtola, Virgin Gorda, Anegada e Jost Van Dyke. A capital é Road Town, en Tórtola (6.330 h [1991]). As Illas Virxes Americanas (347 km2; 122.200 h [estim 2001]) están integradas por tres grandes illas: Saint Croix, Saint Thomas e Saint John, e preto de sesenta máis pequenas. A capital é Charlote Amalie, en Saint Thomas (12.331 h [1990]). A poboación é maioritariamente negra. A cana de zucre, o algodón, o tabaco, a froita tropical, a pesca e a elaboración de ron son os recursos tradicionais, ademais do turismo. Descubertas por Cristovo Colón (1493), foron colonizadas polos holandeses (1643) e pasaron sucesivamente a mans dos ingleses, casteláns, franceses e daneses, que as venderon a EE UU en 1916.