Virxilio Marón, Publio
Poeta romano. Estudou en Cremonium (Cremona), Mediolanum (Milán) e Roma (54 a C). Presentouse dentro dos ambientes máis ilustres como un campesiño fiel ás súas orixes, amigo da sinxeleza e da soidade, modesto e de espírito sensible, con certo pesimismo e simpatía que estendeu a toda a natureza. Parece ser que non sentía interese pola oratoria, pois prefería a compañía dos filósofos, como Platón, Pitágoras ou os epicúreos, e dos poetas. Pódese percibir a súa precocidade como poeta nalgunha peza da compilación coñecida como Appendix Vergiliana (título dado no s XVI ao conxunto das súas obras menores). Cara ao ano 48 a C trasladouse a Nápoles, preto do filósofo epicúreo Sirón. Ao morrer este, Virxilio volveu ao seu país nativo (44 a C), onde se relacionou con G. Asinio Polión. Tras a confiscación de terras decretada en favor dos veteranos de Octavio (43 e 40 a C), quedou sen as súas terras, abandonou a súa provincia e instalouse en Roma, onde xa se introducira no círculo de Mecenas e Octavio, quen lle procurou unha casa de campo, preto de Nápoles, posiblemente en Nola. Alí viviu en paz e creou a súa obra. Desde ese momento, a súa biografía confúndese coa súa historia literaria, froito dunha enorme erudición, dunha inspiración elevada e dunha profunda sensibilidade poética. A evolución da súa obra, as Bucólicas, as Xeórxicas e a Eneida, é moi clara. Situado inicialmente na liña da arte alexandrina, o poeta canta nas Bucólicas (44-43 a C) os pastores e os campesiños, ademais da inquietude pola terra. De acordo co pensamento de Octavio, escribiu as Xeórxicas (37-30 a C), baixo o maxisterio de Hesíodo e de Arato, para contribuír a unha obra de restauración social e levar os romanos cara á agricultura. Nese tempo, Octavio xa impuxera a paz, instaurara o Imperio e revivira o sentimento da romanidade: o poeta, ao celebrar coa Eneida (30-19 a C) as orixes troianas da urbe e da familia imperial, ofrécelles aos novos cidadáns o poema da eternidade de Roma. Trasladouse a Grecia e a Oriente para coñecer os lugares onde se desenvolvía preto da metade da epopea, caeu doente e atopouse en Atenas con Augusto. Este convenceuno de que o acompañase a Italia, e pouco despois morreu. Os seus restos foron trasladados a Nápoles e inhumados dentro dun sepulcro, que foi visitado como santuario. Pola súa espiritualidade, sobre todo polo mesianismo da IV bucólica, reivindicárono os cristiáns, mentres que no Baixo Imperio se converteu en poeta oficial, e na Idade Media déuselle valor alegórico ou profético aos seus poemas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Andes, preto de Mantua -
Deceso
Lugar : Brindisi