visigótico -ca

visigótico -ca

(< visigodo)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos visigodos.

  2. dereito visigótico [DER]

    Dereito propio dos visigodos. Orixinariamente popular e consuetudinario, adoptou unha forma escrita e codificada ao establecerse os visigodos no sur das Galias e, sobre todo, ao independizarse do Imperio Romano e estenderse cara a Península Ibérica. O Código de Eurico e a revisión feita por Leovixildo constitúen os seus primeiros exemplos, quizais de exclusiva aplicación aos súbditos de raza goda, mentres que os habitantes de ascendencia romana continuaron a gozar do seu antigo dereito, que foi obxecto dunha recompilación por Alarico II, coñecida como Breviario de Alarico ou Lex Romana Wisigothorum. Esta lexislación deixou paso progresivamente a unha lexislación única e xeral para todos os súbditos, plasmada no Liber iudiciorum de Recesvinto (654), revisado por Ervixio (681) e posteriormente reelaborada por xuristas privados.

  3. escritura visigótica [ESCR]

    Escritura latina que se usou nos territorios que formaron parte do antigo reino visigodo e que presentaba características e duracións variables nas distintas rexións. Distínguense dúas formas, a cursiva e a minúscula, ambas as dúas derivadas da escritura común nova do Baixo Imperio Romano. A cursiva non comezou a caracterizarse ata a segunda metade do s VII, a finais do dominio visigótico. A cursiva visigótica fixouse en tres ramas: a primeira coñecida pode chamarse astur-leonesa, que perdurou ata o s X; outra foi usada ata principios do s IX nas rexións catalá e narbonesa, mentres que a terceira perdurou polo menos ata o s XII entre os mozárabes do centro e o sur da península. A minúscula visigótica ofrece unha unidade maior ca a cursiva. Nos documentos e códices da Narbonense a escritura visigótica foi desbancada pola carolinxia a comezos do s IX. Constatouse que a escritura visigótica se mantivo ata os ss XII e XIII en Galicia e Portugal, e entre os mozárabes toledanos e os do sur da Península Ibérica ata o s XIV.

  4. liturxia visigótica [RELIX]

    Conxunto dos ritos da celebración eucarística, da administración dos sacramentos e sacramentais, e do oficio divino, propios da Península Ibérica e da Galia narbonense. Tecnicamente, debería denominarse liturxia hispánica pois os termos visigótica e mozárabe indican etapas da súa formación e permanencia. No IV Concilio de Toledo (633), o rito hispánico recibiu a súa configuración definitiva, que sobreviviu só a través dos libros litúrxicos organizados durante o episcopado do arcebispo Julián de Toledo (680-690), autor dunha recensión do Liber missarum e do oracional festivo do oficio. O rito caracterízase na celebración eucarística polo uso de tres lecturas, recitar os dípticos e dar a paz antes do canon, que na súa presentación se divide en catro fórmulas, tres delas varían en cada celebración do ano litúrxico. A progresiva incorporación das zonas árabes da Península aos reinos cristiáns do norte fixo que esta liturxia desparecese, aínda que se mantén nalgunhas zonas de Toledo.

  5. moeda visigótica [NUMIS]

    Moeda propia dos visigodos. Parece ser que foi cuñada por primeira vez cando se instalaron na Península Ibérica e que comezou coa imitación dos trientes bizantinos dos emperadores deste período, desde Anastasio ata Xustino II. Leovixildo foi o primeiro en incluír na moeda o nome da ceca onde se cuñaba.

  6. música visigótica [MÚS]

    Canto monódico da liturxia latina visigótica, afín ao canto gregoriano e ao das demais liturxias occidentais. Escrito en notación pneumática diastemática, consérvase en máis dunha vintena de códices e en varios fragmentos manuscritos que van do s IX ao s XIII. Malia os estudos paleográficos, é practicamente descoñecida a súa melodía, agás unhas poucas que se transcribiron en notación diastemática aquitana e catalá. Aínda que se lle presupón unha notación propia primitiva, os manuscritos nomean dúas escolas: a do norte, con pneumas verticais, e a de Toledo, máis tardía, que presenta trazos horizontais e cursivos.

Palabras veciñas

visibilidade | visible | visigodo -da | visigótico -ca | visión | visionario -ria | visir