Vitoria-Gasteiz

Vitoria-Gasteiz

Capital de Áraba e de Euskadi (216.852 h [2001]). Situada entre as Montañas Vascas, os Prepireneos meridionais e o Sistema Ibérico, entre o val do Ebro e a vertente cantábrica, érguese nun cumio que domina o val do Zadorra. Mercado agrario, industrializouse a comezos do s XX. É a sede do goberno autonómico. Fundada por Sancho VI de Navarra (1181), os seus poboadores recibiron o foro de Logroño. Afonso VIII de Castela incorporouna ao seu reino (1200). Axudou a Enrique de Trastámara contra Pedro I de Castela, pero foi cedida por este ao seu aliado Carlos II de Navarra polo Tratado de Libourn (1366), que a retivo ata 1372. Durante o s XIV o comercio desenvolveuse e aumentou a poboación, e Xoán II declarouna cidade (1431). A raíz das loitas civís do s XV, a expulsión dos xudeus (1492) e as Comunidades de Castela (1520), sufriu un declive económico que persistiu ata o s XVIII. En 1813 foi escenario da Batalla de Vitoria no transcurso da Guerra da Independencia. En 1936 triunfou a rebelión militar que deu comezo á Guerra Civil. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral de Santa María (ss XIV-XV), e as igrexas de San Pedro e San Miguel, as casas góticas, os palacios renacentistas e a Plaza Nueva (s XVIII).