Vojvodina
Rexión autónoma da república de Serbia, Serbia e Montenegro (21.506 km2; 1.954.432 h [estim 2000]). A súa capital é Novi Sad. Comprende unha parte da Bačka, Sirmia e o Banato, e está formada pola gran chaira aluvial do baixo Tisza, entre Romanía e Hungría, e limitada polo Danubio e o baixo Sava. Está poboada por unha maioría de serbios, con minorías de húngaros, croatas, romaneses e eslovacos. No s IX formou parte do Imperio Húngaro. Entre 1552 e 1699 foi ocupada polos turcos, e logo pertenceu ao Imperio Austrohúngaro e a rexión foi repoboada por diversos grupos étnicos. Coa constitución imperial de 1849, obtivo unha administración autónoma, pero en 1866 foi incorporada a Hungría. Despois da Primeira Guerra Mundial foi repartida entre Serbia e Romanía; e durante a Segunda Guerra Mundial o exército húngaro e parte das tropas alemás ocuparon a Vojvodina serbia. Desde 1946 é un territorio autónomo da República de Serbia.