Zamora

Zamora

Cidade de Castela e León, capital da provincia homónima, situada á ribeira dereita do Douro (64.845 h [2001]). Ten industria de coiro, téxtil, de viño e de cerámica. É sé episcopal. Habitada xa polos vacceos, foi romanizada. Durante a Reconquista foi un baluarte fronteirizo. Almanzor devastouna (988) e repoboouse e fortificouse en 999. Fernando I cedeulla á súa filla Urraca e Afonso VI restableceu a finais do s XI a sé episcopal, creada en 905. Ocupada polos portugueses partidarios de Xoana a Beltranexa, foi recuperada por Fernando o Católico (1476), época en que alcanzou o máximo esplendor. O conxunto histórico-artístico da cidade foi declarado BIC en 1979. Destaca a catedral, románica (1151-1174) con cabeceira gótica (1496-1506).