Zaragoza

Zaragoza

Capital da provincia homónima e da Comunidad Autónoma de Aragón, situada no centro da depresión do Ebro, na confluencia deste co Gállego e co Huerva (614.905 h [2001]). Urbanisticamente desenvolveuse á dereita do río, ao redor do núcleo antigo. Ten industrias químicas, de maquinaria, de vidro e alimentarias. É un importante centro comercial e cultural. Ten aeroporto internacional. O núcleo inicial da cidade é Caesaraugusta, fundada por Octavio Augusto con veteranos das Guerras Cántabras (23 a C). Ocupada por Musà ibn Nu ṣ air (714), transformouse nunha gran metrópole islámica. Coa descomposición do Califato de Córdoba (1031), converteuse na capital da Taifa de Zaragoza. Cobizada por casteláns e aragoneses, Afonso I de Aragón conquistouna en 1118 e a poboación musulmá trasladouse extra muros da cidade, onde fundou o barrio da mouraría. Converteuse na capital da Coroa de Aragón pero a unión dinástica das coroas de Castela e Aragón transformouna nunha cidade dos Austria. Durante a Guerra de Sucesión foi partidaria do arquiduque Carlos de Austria e durante a Guerra da Independencia foi asediada varias veces e converteuse nun símbolo da resistencia a Napoleón I. Do seu patrimonio cultural destacan as murallas de época romana, o palacio árabe da Aljafería (BIC, 1931), o santuario de Nosa Señora do Pilar (BIC, 1904), erixido no lugar onde segundo a tradición apareceu a Virxe María ao Apóstolo Santiago, a catedral de La Seo ou templo do Salvador (BIC, 1931) e a Lonja (BIC, 1931). En 2004 concedéronlle a organización da Exposición Internacional de 2008 que vai xirar ao redor do tema da auga e o desenvolvemento sostible.