Zúric

Zúric

Capital do cantón homónimo, Suíza, situada a ambos os dous lados dos ríos Limmat e Sihl, na desembocadura do lago de Zúric (337.900 h [2001]). Está flanqueada polo Uetliberg (803 m), ao SO, e polo Zürichberg (678 m), ao NL. É o principal núcleo industrial e o principal centro comercial e financeiro de Suíza. Habitada polos celtas helvecios, foi conquistada por Roma (Turicum). En 496 pasou a poder dos francos e en 843 ao imperio xermánico. En 1336 a burguesía gremial estableceu un ordenamento constitucional (Erster Geschoworener Brief), vixente ata finais de 1798 coa ocupación francesa. Ameazada polos Habsburgo, integrouse na Confederación Helvética en 1351. Reformada por Zwingli (1516), loitou contra os cantóns católicos nas Guerras de Relixión. A industria téxtil, introducida no s XVI, tivo unha grande expansión durante os ss XVII e XVIII. A catedral, Grossmünster, é a igrexa románica (s XI-XIII) máis grande de Suíza. Construída no s XI, unha boa parte do edificio actual é do s XIII. O Schweizerisches Landesmuseum é o máis importante de Suíza para a prehistoria e a historia da Confederación.