festa

festa

(< lat fĕsta, pl de festu)

  1. s f
    1. [ETN]

      Solemnidade que conmemora un acontecemento importante do pasado ou que subliña a transcendencia dunha ocasión actual. Implica un tempo e un espazo de celebración e de congregación de persoas para manifestar unha identidade compartida, definida entre outros elementos pola pertenza a un territorio ou a unha familia, o desenvolvemento dunha actividade ou uns sentimentos ou crenzas. Proporciónalle ao grupo a oportunidade para reafirmar a súa cohesión. Na festa sempre apareceron elementos teatrais como carautas, disfraces, diálogos e diversos xogos dramáticos que tiñan finalidades moi diferentes, desde a festiva, tal e como reflicten as liortas do Xan e da Xana, ata a máis ritual, como acontecía coas festas dos tolos, nas que o mundo se poñía do revés por unhas horas, e como acontece cos restos de dramas relixiosos medievais, espallados polas terras galegas. A celebración e a congregación de persoas acádase mediante a ruptura do tempo ordinario, coa entrada nun tempo e nun espazo novos nos que, segundo algunhas interpretacións sagradas, se transgriden as normas da vida cotiá. Cando teñen carácter relixioso, as festas pretenden superar os condicionamentos materiais dos individuos e achegarse ao mundo sobrenatural dos deuses e dos antepasados. Estruturalmente a festa comporta tres elementos: un acontecemento, presente ou conmemorado, que pode ter unha orixe familiar, económica, relixiosa ou política; unha reunión convocada expresamente, celebrada polo xeral na casa cando a festa é familiar e nun espazo público cando é social; e uns actos (comida, bebida, baile, xogos, competicións ou representacións). A duración é variable, dende un día ata un mes. Nas sociedades tradicionais o tempo, concibido en sentido cíclico, márcase por unha serie de festividades que constitúen unha reprodución simbólica do ciclo cosmolóxico. Así, nas sociedades cristiás, entre o 24 de decembro e o 6 de xaneiro, celébrase o Nadal para conmemorar o nacemento de Cristo, e que inclúe as festas de Noiteboa, Noitevella e A Epifanía. A Noiteboa celébrase o 24 de decembro, na proximidade do solsticio de inverno, a noite máis longa do ano; as doce da noite é, ademais, o momento máis escuro, e a partir del, nace a luz e os días fanse máis grandes porque nace Cristo e vence a escuridade e o Mal. O Entroido, festa medieval con elementos herdados da Antigüidade, marca a despedida da carnalidade. Na liturxia cristiá, precede a época de austeridade, penitencia e abstinencia da Coresma e deléitase en practicar todo o que esta prohibe, como os excesos na comida, bebida e divertimentos de todo tipo. Adoita comezar despois da Epifanía, inda que estritamente só se considera Entroido os tres días anteriores ao mércores de cinsa, data que marca o tempo de vixilia coresmal. A Semana Santa celébrase o domingo seguinte ao primeiro plenilunio de primavera, que pode caer entre o 22 de marzo e o 25 de abril; está precedido pola Coresma (os 40 días anteriores), marcada pola penitencia e purificación, que antecede o Entroido, e seguido pola Ascensión (os 40 días posteriores). A Pascua, de orixe xudía, conmemora o día en que Iavé rescatou o seu pobo da man dos exipcios. Os Maios celebran o retorno da primavera e o renacer da natureza. O Corpus é a manifestación pública da fe na Eucaristía. Tradicionalmente, celebrábase o xoves seguinte ao domingo da Santísima Trindade (60 días despois da Pascua), pero, a súa supresión no calendario laboral de moitos países, motivou que a súa celebración se trasladase ao domingo posterior. O San Xoán celébrase o 24 de xuño, próximo ao solsticio de verán, o día máis sagrado do ano.

    2. Reunión de varias persoas que se xuntan para celebrar algo ou divertirse.

      Ex: Este venres vou facer unha festa na miña casa.

  2. s
    1. Día festivo por motivo da celebración dun acto relixioso ou oficial, tanto de ámbito estatal como local. Tamén se denomina día de festa ou día feirado.

    2. pl

      Conxunto de actos públicos que se organizan nun lugar co gallo dalgún acontecemento ou nalgunha data sinalada do ano.

      Ex: Este ano non podo ir ás festas da miña aldea.

  3. s f

    Diversión excesiva.

    Ex: Leva varios días de festa e dorme moi pouco.

  4. [RELIX]
    1. s f

      Día do ano en que a Igrexa celebra un aspecto concreto do misterio de Cristo, ou a memoria dun santo ou da Virxe. A festa principal é o domingo, o día do Señor, que conmemora a resurreción de Cristo

    2. festa de precepto

      Solemnidade en que a Igrexa demanda dos fieis a participación na Eucaristía.

  5. s f [DER]

    Día non laborable, asimilable ao domingo ou ao descanso semanal obrigatorio. As festas teñen unha motivación que radica na celebración de acontecementos de carácter oficial, segundo decidan as adminitracións públicas e establezan no calendario laboral. As festas laborais teñen carácter retribuído e non recuperable. Non poden exceder de 14 días ao ano, dous deles elixidos polas corporacións municipais.

  6. s f pl

    Caricias ou aloumiños que se fan para conseguir algo. Na tradición oral recóllense ditos como: “Quen te enche de festas que non acostuma facer, ou te quer enganar ou de ti ha mester. Quen te enche de festas que non acostuma facer, algo de ti quer. Facédelle festas á gata e saltaravos á cara”.

    Ex: Non me fagas tantas festas que non che vou comprar a bicicleta.

Frases feitas

  • Boas festas. Expresión que se utiliza para felicitar as festas.

  • Festa rachada. 1 Non faltar de nada nunha festa.

  • Festas de gardar. Festas nas que a Igrexa manda aos crentes ir oír misa.

  • 2 Divertirse moito.

  • Festa do pote. Festa onde non hai comida, só se baila.

Refráns

  • A ruada vaise armando; tira nena ese candil, que están á porta chamando.
  • Festa dun día non acaba unha casa, pero se é de máis, acabaría quizáis.
  • Festa dun día pouca ruína cría; se dura máis, quizais, quizais.
  • Home ruadeiro, nin boa meda nin bo palleiro.
  • Hoxe festa, mañá festa: ¡béigante os diaños coa vida esta!
  • Poucas veces na festa anda a moca, que non sexa por febra cheirona.
  • Quen vai á festa e crébanlle a testa e perde o que ten, boa festa lle ven.
  • ¡Alegría, alegrote! ¡folión, foliote!
  • ¡Veña o pandeiro, a ruar! que estas son as mazarocas que hoxe