Festa da Palabra Silenciada
Publicación galega editada por Feministas Independentes Galegas (FIGA) dende 1983 para cumprir diversos obxectivos: dar visibilidade ás mulleres galegas, ao seu traballo e contribución social, ás facetas artísticas e creadoras, silenciadas nos medios de comunicación e na maioría das publicacións culturais do país; facer unha revista de cultura desde a perspectiva das galegas, pensada, dirixida e elaborada exclusivamente por mulleres; e difundir o pensamento feminista aplicado a múltiples aspectos do coñecemento e da cultura, así como á crítica feminista. Promoveu o movemento poético feminino que se consolidou nos anos 90, fomentou a conciencia da importancia das palabras das mulleres e das achegas inéditas e vangardistas coas que enriquecen o panorama literario, e contribuíu á modificación do canon poético no conxunto da literatura galega. Ademais de beneficiar a creación, tamén alentou a crítica, tanto no referente á análise de obras literararias, plásticas ou cinematográficas, canto ao pensamento crítico e racionalista aplicado á interpretación da realidade. A partir do nº 2 a Festa da Palabra adoptou deseño propio, da man de Margarita Ledo Andión, e estrutura de seu, con catro seccións que seguirán manténdose: “Monográfico”, “Temas Varios”, “Crítica” e “Creación”. Coincidindo co 50 aniversario da publicación do libro representativo do feminismo O Segundo Sexo, de Simone de Beauvoir, a revista rendeulle unha homenaxe á autora dedicándolle un número onde se analizaba a súa obra.