FETE

FETE
Nome científico: [Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza]

Federación que se constituíu en xuño de 1931 a partir da Asociación General de Maestros (AGM), creada en 1912, inda que o 1 de febreiro de 1931 xa aparecera o primeiro número da revista que sería o seu órgano de expresión: Trabajadores de la Enseñanza. Dende os comezos adheriuse á Internacional de Traballadores do Ensino (ITE), de tendencia comunista para, pouco despois, afiliarse ao Secretariado Profesional Internacional do Ensino (SPIE). En 1920 a AGM aprobou os criterios educativos que definían e caracterizarían a FETE: escola única, pública, gratuíta, laica, pacifista, etc. En Galicia as primeiras organizacións da FETE, denominadas Asociación de Trabajadores de la Enseñanza (ATE), creáronse en Ourense, Ferrol (1932), Santiago de Compostela e A Coruña (1933). Editaban as revistas Escuela Vivida (1935-1936), órgano da Casa do Mestre de Pontevedra, e Escuela del Trabajo -máis tarde ATEO- de Ourense. Entre o 17 e o 24 de maio de 1936, realizouse un Congreso en Vigo, a partir do que se constituíu a Federación Galega de Traballadores do Ensino. Entre os seus promotores destacan Víctor Fraiz e Luís Soto. O Congreso aprobou, entre outros presupostos, a vinculación do ensino aos diferentes medios (mariñeiro, campesiño) de Galicia, a educación para a vida, a escola rural, a gratuidade do ensino, o tratamento do problema lingüístico, a creación de centros educativos para a formación de técnicos, o “fomento da cultura e o adianto pedagóxico” e a loita “pola mellora económica do maxisterio, pola súa unificación clasista, sindical e política, dentro dunha Internacional Única de Traballadores do Ensino”. Non obstante , o levantamento militar de 1936 obstaculizou todo este proceso. Moitos mestres, pertencentes á FETE, foron asasinados, como Víctor Fraiz, Luís Rastrollo Fernández e Uxío Carré Naia, ou sancionados. Nun período de semiclandestinidade, entre o 19 e o 23 de marzo de 1976 realizouse, en Cádiz, o I Congreso Federal, de FETE-UGT, en España, e do 23 ao 26 de marzo de 1978, en Santiago de Compostela, o II Congreso Federal. Os dous primeiros secretarios xerais de FETE-UGT foron Manuel Gracia e Encarnación Asensio. FETE-UGT reclamou, dende a transición política, o recoñecemento das organizacións do ensino como interlocutoras da Administración, a regulación dos dereitos sindicais, a homologación do sistema retributivo dos docentes co resto do funcionariado, así como a mellora das súas condicións de traballo, a dignificación da profesión e a xestión democrática dos centros financiados con fondos públicos; e segue a demandar unha formación inicial do profesorado vinculada ao acceso á función docente e unha promoción profesional no marco dun corpo único de ensinantes. En Galicia o primeiro grupo que se organizou foi o da Coruña (1976). O Congreso constituínte de FETE-Galicia celebrouse en Santiago de Compostela o 14 e 15 de marzo de 1980, do que saíu elixido secretario xeral Manuel Mata. Posteriormente ocuparon a súa dirección Roxelio Pérez Poza, Ramiro Sueiro Beloso, Xesús R. Copa Novo (logo secretario federal), Xosé M. Pose Mesura e Mariano García. Antonio Espinosa promoveu en 1981 o Sindicato de Mestres de Galicia (SMG-FETE). FETE-Galicia foi interlocutora da Administración educativa galega dende 1982, en que abriu os primeiros procesos sindicais de negociación e acadou importantes acordos para a mellora da situación do profesorado no marco dun ensino galego. En 1983 varios dirixentes de FETE crearon a asociación pedagóxica Escola Viva. Os órganos de FETE-UGT-Galicia son FETE Informa e Profesionais.