Fichte, Johann Gottlieb

Fichte, Johann Gottlieb

Filósofo idealista alemán. Formado en Pforta, Jena e Leipzig, converteuse en 1793 en profesor de filosofía na Universidade de Jena, posto que tivo que abandonar en 1799 ao ser acusado de ateísmo por afirmar que consideraba a Deus como a orde moral do mundo. Trasladouse a Berlín, onde pronunciou unha serie de conferencias que buscaban a concienciación xermana fronte aos anhelos imperiais de Napoleón e que lle valeron ser nomeado profesor e reitor da nova Universidade de Berlín (1811-1812). Considerou a filosofía como unha ciencia que debe desenvolverse dun xeito sistemático a partir dunha simple proposición autoevidente. Malia ter aceptado o criticismo kantiano, buscou superar os límites impostos por este, polo que mantivo as súas distancias ao respecto da imposibilidade de coñecer o que I. Kant chamaba o noúmeno ou cousa en si. Ao mesmo tempo, matizou as afirmacións de I. Kant no referente á radical división entre a razón pura e a razón práctica. Como o resto dos filósofos idealistas influíu notablemente no romanticismo, cos que coincidiu na entronización do suxeito. Das súas obras destacan Versuch einer Kritik aller Offenbarung (Ensaio dunha crítica de toda revelación, 1792),Wissenschaftslehre (Doutrina da ciencia, 1794) e Reden an die deutsche Nation (Discursos á nación alemana, 1807-1808).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Saxonia

  • Deceso

    Lugar : Berlín