Figueira da Foz

Figueira da Foz

Cidade do distrito de Coimbra, Portugal, na foz do río Mondego (62.280 h [1997]). O concelho inclúe 18 freguesías. A maior parte da poboación activa traballa no sector servicios (50%), pois grazas á súa praia e ao seu casino converteuse nun dos principais centros turísticos do N de Portugal. É un destacado centro industrial (as actividades secundarias empregan ao 37% dos traballadores residentes no concello), favorecido polas boas comunicacións que lle proporcionan o seu porto e o feito de ser un nó ferroviario entre o N, o S e o interior do país. Ademais é un centro de ensino técnico superior (escola de enxeñería da Universidade Internacional e da Universidade Católica Portuguesa). Do seu patrimonio cultural destacan o forte de Santa Catarina (s XVII) e o pazo de Maiorca (s XVIII).