Filipe V
Rei das coroas de Castela (1700-1713), Aragón (1700-1705), Sicilia (1700-1713), Nápoles (1700-1707) e Sardeña (1700-1708), duque de Anjou (1683-1713) e rei de España (1713-1746), fillo de Luís, delfín de Francia, e bisneto de Filipe IV. Primeiro monarca da dinastía de Borbón. Casado en 1701 con María Luisa Gabriela de Savoia, foi designado polo Consello de Estado herdeiro de Carlos II. En 1701, ao mesmo tempo que se producía a súa chegada a Madrid, as principais potencias europeas formaron a Grande Alianza da Haia para reclamar a coroa hispánica para o arquiduque Carlos de Austria, ante unha posible unión das coroas de Francia e España. Os enfrontamentos en Europa durante a Guerra de Sucesión (1700-1715) saldáronse, polos tratados de Utrecht e Rastadt, coa entrega dos Países Baixos, Milán, Nápoles e Sardeña ao arquiduque Carlos; Sicilia ao duque de Savoia; e Menorca e Xibraltar á monarquía inglesa. A coroa de Castela recoñeceuno como monarca, mentres que se enfrontaba, aínda que xurara as súas cortes, á coroa de Aragón, que apoiou o arquiduque Carlos. En 1707, trala proclamacion do arquiduque Carlos como rei en Catalunya e València, suprimiu as constitucións dos reinos de València e Aragón nos Decretos de Nueva Planta, que se completaron cos Decretos de Nueva Planta a Catalunya en 1715 e de Mallorca en 1716. No seu reinado iniciouse o absolutismo ilustrado, a centralización e a unificación administrativa, e a creación de España como estado moderno, unha vez que os Decretos de Nueva Planta acabaron coas peculiaridades xurídicas dos reinos da Coroa de Aragón. O Consello de Castela estendeu a súa xurisdición a todos os territorios da monarquía, creáronse novas audiencias e apareceron os intendentes. A monarquía envolveuse dun esplendor cultural oficial coa creación de academias e institucións artísticas, científicas e literarias. Introduciuse a lei semisálica para a sucesión da coroa e aplicáronse as teses regalistas partidarias de someter a Igrexa á autoridade real, o que produciu un distanciamento con Roma. En política exterior, entre 1714 e 1719, influenciado pola súa segunda esposa Isabel de Farnese e o crego italiano G. Alberoni, tentou recuperar algunha das antigas posesións españolas en Europa. Entre 1707 e 1708 ocupou Sardeña e Sicilia, o que provocou a reacción militar das potencias europeas que ocuparon Gipuzkoa e Catalunya. Foi obrigado a restituír as súas conquistas e en 1724 abdicou no seu primoxénito Luís. Trala morte deste uns meses máis tarde, volveu ocupar o trono e tentou, unha vez máis, a recuperación dalgún dos territorios italianos, aproveitando a conxuntura que ofrecía a Guerra de Sucesión de Polonia (1733-1738) e a Guerra da Pragmática Sanción (1740-1748). No Reino de Galicia caracterizouse polos continuos ataques da flota inglesa aos portos de Baiona, Coruña e Ribadeo. Aínda que a acción militar máis salientable foi a toma da ría de Vigo polas tropas do almirante Michells en outubro de 1719.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Versailles -
Deceso
Lugar : Madrid