1 filtro

1 filtro

(< lat tardío filtru ‘feltro’, ‘filtro’)

    1. s m

      Corpo poroso a través do que se fai pasar un fluído para que permanezan retidas as partículas sólidas que este ten en suspensión. O filtro pode ser unha lámina porosa, de papel, tecido ou doutro tipo de material, ou un soporte, de tela metálica ou tecidos, entre outros materiais.

      Ex: Cambioulle o filtro á cafeteira.

    2. s m

      Peza en forma de tubo, normalmente elaborada en materiais sintéticos, onde se encaixa o cigarro, que filtra o fume.

    3. s m [QUÍM]

      Aparato que se emprega na filtración. Pódense clasificar, segundo o método de produción do gradiente de presión, en catro grandes grupos. Os filtros por gravidade consisten nun dispositivo que contén unha ou máis capas de area ou grava de diferente tamaño; empréganse sobre todo para filtrar auga de ríos ou de canais. Establécese unha diferencia de presión entre ambos os lados do medio, feito que abrevia a duración do período de filtración, e impúlsase o fluído, por medio dunha bomba, a través do medio flotante; os máis empregados son os filtros de prensa e os filtros de bolsa. Nos filtros de baleiro prodúcese un baleiro na zona de saída do líquido e a outra mantense a presión normal, circunstancia que produce a sución do fluído. Finalmente, nas centrifugadoras é a forza centrífuga a que produce o gradiente de presión. Un caso á parte son os filtros electrostáticos, que empregan a electricidade estática que se induce nas partículas de po; constan dun electrodo emisor e de dous electrodos receptores; ao pasar o fluído entre estes, as partículas de po cárganse e deposítanse nos electrodos receptores.

    4. filtro de aceite

      Aparello que se emprega para filtrar e rexenerar o aceite de lubrificación dos motores de combustión. O elemento filtrante está constituído xeralmente por unha masa de fíos de algodón ou un cartucho feito de discos de papel impregnados dunha substancia que regula o grao de acidez do lubrificante.

    5. filtro de aire

      Aparato que se emprega para eliminar as impurezas contidas no aire da combustión dos motores. O elemento filtrante adoita ser un cartucho de papel ou ben un baño de aceite que é atravesado pola corrente de aire. Nos motores que funcionan en ambientes moi pulverulentos móntanse filtros combinados, formados por un separador centrífugo tipo ciclón e un filtro de cartucho de papel.

    6. filtro de combustible

      Aparello que se emprega para eliminar as impurezas que contén o combustible dun motor de combustión. O elemento filtrante é un cartucho de papel ou téxtil ou, menos a miúdo, de tea metálica, ou ben está constituído por unha rede de pequenas láminas de latón. O gradiente de presión necesario prodúceo a bomba impulsora do combustible.

    7. filtro de membrana [MICROB]

      Membrana artificial de porosidade determinada, normalmente composta por nitrato ou acetato de celulosa, policarbonato ou outro tipo de materiais, que se utiliza para separar ou reter microorganismos, partículas ou moléculas dun tamaño determinado.

  1. s m
    1. Dispositivo ou calquera materia que permita o paso dunhas radiacións ou frecuencias determinadas.

    2. [TECNOL]

      Dispositivo ou circuíto cuadripolar que se emprega para seleccionar sinais de frecuencias diferentes, consistente nunha liña artificial capaz de transmitir sen dificultade os sinais dunha banda de frecuencia e de atenuar os doutras frecuencias. A frecuencia de corte marca o límite entre estas dúas condicións. Un filtro pasa-baixos elimina ou atenúa as compoñentes dunha onda superior á frecuencia de corte, e deixa as demais practicamente inalteradas. Un filtro pasa-altos actúa inversamente ao anterior. Un filtro pasa-banda transmite as frecuencias comprendidas entre dous valores determinados e elimina ou atenúa as inferiores e as superiores, ao revés do filtro para-banda. Un filtro alisador reduce as flutuacións dunha corrente continua recibida dun xenerador ou dun rectificador e proporciona unha tensión constante de saída para a alimentación dun circuíto ou dun aparato. Pódense agrupar diversos filtros en cadea e formar unha rede. Un filtro antiparasito é un filtro pasa-baixos que bloquea as oscilacións correspondentes ás frecuencias que producen perturbacións, e emprégase especialmente na recepción de programas de radio e de televisión. Os filtros ideais son os que transmiten sen distorsión sinais situados dentro dunha banda de frecuencia (banda pasante) e anulan totalmente as outras. Son fisicamente irrealizables e tense que recorrer a aproximacións que presenten unhas características frecuenciais semellantes ás dos filtros ideais. Entre elas, cabe mencionar a de Butterworth. A realización pódese facer con filtros pasivos (R, L, C e M) e activos RC (R, C e dispositivos activos, moi a miúdo amplificadores operacionais). Ademais dos filtros analóxicos (sinais analóxicos relacionados por ecuacións diferenciais), existen os filtros dixitais (sinais discretos no tempo relacionados por ecuacións en diferencias), que teñen por elementos operadores, que poden ser retardadores, sumadores e amplificadores. Os filtros SC (switched-capacitor), constituídos por conmutadores, utilizan tecnoloxía MOS, que permite un grao moi alto de integración.

    3. [FÍS/LING]

      Dispositivo empregado en espectrografía que permite o paso dunha gamma frecuencial específica para analizar fisicamente a onda composta da fala.

  2. [IND/ARTE]
    1. s m

      Accesorio de cristal ou plástico que se lle engade ao obxectivo para alterar a calidade ou cor dunha imaxe. Denomínanse do mesmo xeito as follas de acetato ou de xelatina coloreadas e empregadas nunha ampliadora durante o positivado.

    2. factor de filtro

      Número polo que se debe multiplicar a lectura de exposición sen filtro para conseguir a mesma exposición cando se emprega este. Varía segundo o filtro e normalmente aparece marcado no bordo.

    3. filtro graduado

      Filtro cunha sección coloreada que se esvae gradualmente ata parecer transparente.

    4. filtro neutro

      Filtro gris empregado para corrixir os niveis de luz nas cámaras con abertura fixa ou para poder empregar unha grande abertura cunha luz moi intensa.

    5. filtro polarizador

      Filtro que pode bloquear ou crear luz polarizada.

    6. filtro skylight

      Filtro rosa pálido que se emprega para reducir as sombras azuis provocadas pola luz do ceo, a luz ultravioleta e a bruma. Ademais, serve como protector permanente do obxectivo.

    7. filtro UV

      Filtro que absorbe as lonxitudes de onda ultravioleta eliminando a bruma.

    8. filtros CP

      Filtros de acetato de cor que se empregan no cabezal de cor dunha ampliadora.

    9. filtros de contraste

      Filtros para películas de branco e negro que se empregan para escurecer ou aclarar cores concretas e proporcionar un maior contraste.

    10. filtros de conversión de cor

      Filtros que se empregan para axustar o tipo de película coa fonte de luz. Tamén se denominan filtros equilibradores da cor.

    11. filtros de corrección

      Filtros pálidos empregados para corrixir dominantes da cor.

    12. filtros de xelatina

      Filtros cortados con xelatina tinxida e que se colocan diante do obxectivo ou da luz do estudio. Aínda que máis económico ca o plástico e o cristal, é menos duradeiro.

  3. s m

    Elemento ou medio que ten a facultade de filtrar.

    Ex: Tiveron que salvar moitos filtros administrativos ata que lle admitiron a reclamación. Naqueles tempos moitos libros non pasaban o filtro da censura.

  4. s m [LING]

    Resoador fisiolóxico que, ao intensificar diversas frecuencias de onda complexa procedentes da larinxe, determina a disposición relativa dos formantes constitutivos e, con iso, o timbre característico de cada realización fonemática.

  5. s m [MAT]

    Operador alxébrico que, cando se aplica a unha sucesión de medidas dunha magnitude, subministra unha estimación do valor real, de todas ou só dunha parte.

  6. s m [MAT]

Palabras veciñas

filtrado -da | filtrante | filtrar | 1 filtro | 2 filtro | fimbria | fimbriado -da