fisco
(< lat fiscu)
-
s
m
[ECON]
Conxunto de bens propiedade do Estado, provenientes da recadación de impostos e tamén dos ingresos non impositivos; identifícase co tesouro público. A palabra fisco designaba orixinariamente, no dereito romano, o tesouro público. Na época imperial, distinguiuse o tesouro público ou erario público do pobo romano do fisco ou caixa privada do emperador. Estaba composto polas rendas das propiedades imperiais, os legados testamentarios, os botíns de guerra e algúns impostos especiais. Proporcionaba os fondos para soster a administración nas provincias imperiais, a defensa militar e a conservación das calzadas. Na Idade Media todo o fisco lle correspondía ao rei, pero facíase distinción entre o patrimonio do rei e o da coroa; o primeiro corresponderíalles aos herdeiros ao morrer o rei, mentres que o segundo pasaba ao sucesor do reino. A curia romana tiña un sistema de imposición e de recadación de tributos, sobre todo desde Xoán XXII, que foi o verdadeiro artífice do sistema fiscal, partindo da base que todos os beneficios eclesiásticos habían de contribuír á Cámara Apostólica. Co réxime constitucional quedou claramente separado o que era patrimonio do Estado do da coroa e do patrimonio privado do rei. O fisco é o patrimonio que corresponde ao Estado.
Confrontacións: erario. -
s
m
[ECON]
Conxunto de órganos do Estado que actúan como recadador de impostos.