fisioloxía

fisioloxía

(< lat physiologĭa < gr ϕυσιολογία)

  1. s f [FISIOL]

    Ciencia que estudia os fenómenos funcionais e os procesos vitais dos organismos animais (fisioloxía animal) ou dos vexetais (fisioloxía vexetal), e trata de establecer as leis que os regulan e os rexen.

  2. fisioloxía animal [FISIOL]

    Fisioloxía que se aplica aos animais en xeral. No caso particular en que o obxecto de estudio é o ser humano recibe o nome de fisioloxía humana. Como ciencia desenvolveuse a partir do s XVII, aínda que xa existían descricións do funcionamento dos organismos en textos médicos exipcios, babilónicos, árabes e asirios. Historicamente, a primeira vez que apareceu esta palabra foi no tratado De naturali parte medicinae (1542), de J. Fernel. Os estudios de A. Vesalius indicaron o comezo dunha anatomía moderna e contribuíron a favorecer as investigacións fisiolóxicas. M. Servet descubriu a circulación menor do sangue, e G. Fallopio estudiou o sistema nervioso e o aparato reprodutor. No s XVII xa existían tratados de fisioloxía que explicaban os coñecementos sobre a dinámica dos músculos, o funcionamento dos sentidos e os procesos dixestivos e respiratorios. W. Harvey interpretou a circulación do sangue e o papel do corazón e dos movementos cardíacos e creou a fisioloxía comparada. No s XVIII fixéronse grandes progresos nas investigacións fisiolóxicas coa axuda dos descubrimentos da física e da química. S. Hales foi o primeiro en medir a circulación do sangue. A. von Haller desterrou as teorías metafísicas en voga, como o vitalismo, e estableceu unha visión científica moderna dos procesos fisiolóxicos do tecido muscular e nervioso. J. Priestley descubriu que nos pulmóns tiña lugar un intercambio gasoso e A. L. Lavoisier determinou que a respiración era unha combustión que xeraba a calor animal. L. Spallanzani e R. A. Ferchault de Réaumur estudiaron a fisioloxía da dixestión como un proceso químico producido pola acción de fermentos. No s XIX o perfeccionamento dos instrumentos físicos de medición, os progresos da bioquímica e a perda de influencia do vitalismo, entre outros acontecementos, fixeron avanzar a fisioloxía. F. Magendie e Ch. Bell achegaron valiosos estudios sobre o funcionamento do sistema nervioso. C. Bernard, verdadeiro creador do método científico experimental en fisioloxía, estableceu o concepto de medio interno e a necesidade, en toda clase de organismos, de conservalo tan constante como sexa posible. Este concepto resumiuno máis tarde W. B. Cannon coa formulación da homeostase. Bernard estudiou a fisioloxía da dixestión, descubriu a función glicoxénica do fígado (1848), illou o glicóxeno (1855) e fixo investigacións no campo da fisioloxía nerviosa e da fisioloxía comparada. Ch. E. Brown-Séquard estudiou as secrecións internas e as súas funcións, E. Du Bois Reumond fixo grandes avances na electrofisioloxía, E. von Brücke investigou a fisioloxía dixestiva e a sensorial, e J. E. Purkinje subministrou datos importantes sobre o mecanismo da visión, a respiración, o sistema muscular e o nervioso. I. P. Pavlov fixo investigacións no campo das complexas interrelacións dun organismo co medio que o rodea, buscando o papel que o sistema nervioso podía representar a través dos reflexos condicionados, descubertos por el. No s XX a fisioloxía, coa axuda das outras ciencias biolóxicas (bioquímica, xenética, etc) e polos avances dos métodos e as técnicas de investigación (técnicas microscópicas, radioactivas, de electroforese, etc), experimentou un gran desenvolvemento nos seus diversos campos. A fisioloxía animal, en sentido xenérico, desenvolveu os aspectos máis relacionados co tratamento de diversas enfermidades, coincidindo en gran parte na metodoloxía e obxectivos cos da fisioloxía humana. As liñas principais de investigación que segue a fisioloxía animal son fundamentalmente a neurofisioloxía e a psicofisioloxía, a fisioloxía comparada, a fisioloxía da nutrición, e o estudo dos fenómenos vitais a niveis cada vez máis próximos ao nivel molecular, co que se achega á bioquímica. A estas grandes liñas de investigación únense os puntos de contacto coa biofísica, como poden ser os estudios dos mecanismos de transporte a través de membranas.

  3. fisioloxía celular [FISIOL]

    Parte da fisioloxía que estudia as funcións da célula, polo que investiga as características básicas comúns aos seres vivos.

  4. fisioloxía comparada [FISIOL]

    Parte da fisioloxía que estudia unha determinada función orgánica comparativamente ao longo de toda a filoxénese. Integra e coordina as relacións funcionais e tenta atopar os camiños polos que os diferentes animais, con estruturas, necesidades e estratexias moi diferentes, solucionan a realización de funcións similares. A fisioloxía comparada é a historia fisiolóxica da evolución dos diferentes sistemas funcionais.

  5. fisioloxía ecolóxica [FISIOL]

    Disciplina que estudia as funcións dos organismos a nivel de ecosistema, investigando no plano fisiolóxico o porqué das necesarias adaptacións a medios variables.

  6. fisioloxía etolóxica [FISIOL]

    Disciplina que estudia a resposta adaptativa do animal fronte a estímulos ambientais e axuda a coñecer os mecanismos polos que se determina o comportamento.

  7. fi-sioloxía patolóxica [FISIOL]

    Ciencia que estudia as funcións alteradas dun organismo enfermo. Tamén recibe o nome de fisiopatoloxía.

  8. fisioloxía vexetal [FISIOL/BOT]

    Parte da fisioloxía que ten como obxecto de estudo os organismos vexetais. Considera principalmente os fenómenos de crecemento, o metabolismo e as interaccións co medio e os outros organismos: pode abarcar tamén aspectos especiais, comparados ou patolóxicos. Non ten un límite establecido coa bioquímica e relaciónase intimamente coas ciencias morfolóxicas (anatomía, citoloxía) polos lazos existentes entre forma e función. Constituíuse como ciencia no s XVIII coa obra de S. Hales Vegetable Staticks (1727), na que examina o crecemento das plantas, a perda de auga por evaporación e outros fenómenos. A finais do s XVIII destacou J. Ingenhousz, quen demostrou que as plantas verdes absorben dióxido de carbono e desprenden osíxeno durante a fase luminosa do día. No s XIX fixéronse estudios referentes á fotosíntese, á ósmose, á nutrición mineral, ao crecemento, etc. No s XX comezaron os estudios referentes á fotoperiodicidade, aos enzimas e aos procesos bioquímicos da fotosíntese. En 1937 R. Hill demostrou o desprendemento de osíxeno en cloroplastos illados baixo o efecto da luz. D. I. Arnon, M. Calvin e outros investigadores acabaron de establecer os mecanismos bioquímicos da fotosíntese. A fisioloxía vexetal constitúe a base da agricultura científica; deste xeito, o coñecemento das relacións entre crecemento e nutrición mineral é a base do uso dos abonos, e o estudio da función da auga nas plantas pode servir para establecer novos métodos de irrigación. A rama máis nova da fisioloxía vexetal é a ecofisioloxía, fisioloxía da distribución das plantas e das comunidades vexetais, que estudia os efectos que causa a competencia interespecífica, a seca, as temperaturas extremas, as xeadas, as radiacións, os excesos ou as deficiencias nutritivas, a polución, etc. É unha rama en plena expansión que se espera que proporcione coñecementos que permitan mellorar a produtividade, especialmente, en áreas semidesérticas ou marxinais, actualmente improdutivas. Tamén se coñece co nome de fitofisioloxía.

  9. fisioloxía xeral [FISIOL]

    Disciplina científica que ten moitos puntos en común coa fisioloxía celular, pero que traballa nun nivel de integración superior. Estudia os mecanismos enzimáticos, a creación e a liberación de enerxía, os problemas do metabolismo intermediario, a regulación bioquímica, enzimática e hormonal, etc, no organismo considerado como un todo.

Palabras veciñas

fisiógrafo -fa | fisiograma | fisiólogo -ga | fisioloxía | fisiolóxico -ca | fisión | fisionomía