Fisterra, comarca de

Fisterra, comarca de

Comarca do extremo occidental da Comunidade Autónoma de Galicia, no sector meridional da denominada Costa da Morte. Limita ao N coa comarca da Terra de Soneira (concellos de Camariñas e Vimianzo) e o Océano Atlántico, ao S coa comarca de Muros (concello de Carnota) e o océano, ao O co Atlántico, e, ao L coas comarcas da Terra de Soneira (Vimianzo) e Xallas (Mazaricos). Abrangue unha superficie de 339,5 km2nos que acolle unha poboación de 24.562 h (2001), distribuídos entre os concellos de Cee (57,5 km2; 7.164 h), Corcubión (6,5 km2; 1.966 h), Dumbría (124,7 km2; 4.260 h), Fisterra (29,4 km2; 5.132 h) e Muxía (121,3 km2; 6.040 h). A comarca posúe unha dobre cabeceira funcional, conformada pola vilas de Cee, centro económico e administrativo, e Corcubión, cabeza do partido xudicial. Ambos os centros urbanos están practicamente unidos no espazo e atraen a gran maioría dos fluxos comarcais. Non obstante , os concellos de Muxía e Dumbría manteñen estreitas vinculacións coa vila de Vimianzo. O medio natural non foi un factor determinante na constitución deste territorio comarcal, de xeito que a súa vinculación obedece a criterios funcionais e administrativos.
Xeografía física
O relevo da comarca de Fisterra caracterízase pola presenza de dúas unidades morfolóxicas ben diferenciadas: por unha banda, a orla litoral, na que alternan elevacións bastante significativas con áreas de chaira na que se abren algunhas rías de escaso desenvolvemento; por outra, o espazo interior, ocupado pola meseta do Xallas que cae cara ao mar progresivamente e está fendida por unha serie de cursos fluviais. Na franxa costeira rexístrase unha sucesión de vales e interfluvios froito da erosión diferencial sobre rochas de diversa natureza e de movementos tectónicos. Neste sector aparecen unha serie de elevacións graníticas importantes: o Facho de Moraime en Muxía (309 m de altitude) e Seoane (249 m), San Xoán (247 m) e O Facho (247 m) en Fisterra. Estas elevacións caen en moitas ocasións ao mar en abruptos acantilados, formando unha costa rochosa na que sobresaen dous grandes accidentes, os cabos Fisterra e Touriñán; este último constitúe o punto máis occidental de España. Con estes tramos costeiros abruptos alternan areais e as pequenas rías de Camariñas, O Ézaro, Lires e Corcubión. O espazo amesetado do Xallas ten unha altitude media duns 100 m, aínda que se resolve nunha serie de chanzos decrecentes en altitude cara ao mar. A súa estrutura xeolóxica pódese relacionar co dominio xistoso da Galicia Central e Occidental, de cronoloxía paleozoica, formado por metasedimentos de ortogneis glandulares de dúas micas con migmatización. O punto culminante da comarca sitúase na área oriental, no concello de Dumbría: son os montes de Buxantes. Este sistema montañoso, que culmina a 475 m de altitude, é a divisoria de augas das tres principais concas hidrográficas comarcais: a do río Castro, que polo NO vai cara á ría de Lires, en Cee; a do Brens, que baixa polo val de Buxantes cara á enseada de Brens, tamén en Cee; e a do Xallas, que limitando o espazo comarcal co concello de Mazaricos, discorre dende o encoro da Fervenza ata a súa desembocadura na ría do Ézaro. Ademais destes ríos, outro curso fluvial destacado é o Ozón, que verte as súas augas na ría de Camariñas, ao N de Muxía. Tres espacios naturais recibiron figuras de protección especial: o Cabo Touriñán en Muxía, e o Cabo Fisterra e a Illa Centolo no concello de Fisterra. Tamén destaca outro espazo aural excepcional, a Fervenza do Xallas no Ézaro (Dumbría); na súa desembocadura o río Xallas precipítase dende 100 m de altura. Na base do cadoiro formouse unha poza de 16 m de profundidade. O clima comarcal inscríbese no dominio oceánico húmido, cunha transición entre o clima do litoral atlántico do NO (ó que pertencen os concellos de Fisterra e Muxía) e o das Rías Baixas (no que se inclúen os municipios de Cee, Corcubión e parte de Dumbría). Estas diferencias maniféstanse fundamentalmente nas precipitacións, pois os concellos meridionais da comarca presentan unhas precipitacións máis elevadas (1.650 mm) ca os setentrionais (1.000-1.200 mm), como consecuencia da penetración máis doada nos primeiros dos fluxos do NO, debido á ausencia de serras que impidan o seu paso. Ao N os relevos que se interpoñen entre o litoral e o interior producen un certo abrigo aerolóxico. A característica térmica fundamental é a suavidade, que se manifesta tanto na temperatura media como na escasa amplitude térmica anual. Así, a temperatura media anual sitúase ao redor dos 14,5°C, e a oscilación anual é cativa (uns 9,5°C) como consecuencia duns invernos moi pouco sensibles (a temperatura media mínima é a de febreiro con 10°C) e uns veráns pouco calorosos (19,5°C en agosto). As xeadas son moi excepcionais. Esta moderación térmica vese acompañada por numerosos días de chuvia (máis de 150 ao ano). Polo que respecta á distribución estacional das precipitacións, é no inverno cando se recolle o máximo volume (o 35% das chuvias do ano), aínda que existe un máximo secundario no outono (31%); a primavera, co 25% das precipitacións anuais é unha estación de transición, mentres que na época estival, cando só se recolle unha media do 9% das precipitacións anuais, rexístrase unha acusada seca que se prolonga entre xuño e agosto.
Xeografía humana
A poboación da comarca de Fisterra aséntase fundamentalmente na orla litoral, mentres que as terras altas e amesetadas que ocupan a área oriental presentan unhas densidades demográficas baixas. O 46% dos habitantes da comarca residen nas capitais municipais, mentres que o resto da poboación se reparte en pequenas aldeas dispersas ao longo do territorio comarcal. Entre 1887 e 2001, a poboación da comarca de Fisterra, que pasou de 19.277 h a 24.562 h, medrou máis dun 27%. Este incremento non foi lineal, pois existiron tres períodos nos que a comarca sufriu unha recesión demográfica. De 1887 a 1960 a poboación medrou de xeito continuo, sen ningún episodio de decrecemento, a un ritmo do 0,43% anual. A primeira gran masa emigratoria cara ao continente americano, que durou ata fins do primeiro terzo do s XX, apenas se deixou notar como consecuencia tanto do elevado crecemento vexetativo como da industrialización ceense, que proporcionou oportunidades laborais a moitos habitantes da comarca (fábrica de carburos en 1903, estaleiros e entidade financeira en 1927). A segunda masa emigratoria, en cambio, si afectou de xeito significativo a comarca; a industria ceense non tiña xa a capacidade de fixar a poboación como o fixera con anterioridade á Guerra Civil, e o crecemento vexetativo, aínda que positivo, xa non presentaba a forza do período anterior. Despois, entre 1960 e 1970, produciuse un descenso demográfico do 0,25% anual. Nos anos setenta, paralizada a emigración exterior debido á crise económica internacional, a poboación fisterrá volveu medrar, a un ritmo do 0,31% anual. A década de 1980 foi o segundo período de declive demográfico comarcal, inducido pola crise das fábricas de carburos de Cee e Dumbría e os estaleiros de Brens, de xeito que a poboación descendeu un 0,43% anual. O primeiro lustro da década de 1990 (ata 1996) experimentou un forte crecemento demográfico, propiciado pola instalación de novos servicios como o hospital comarcal en Cee, que fixo medrar a poboación unha media do 1,56% anual entre 1991 e 1996. A partir desa última data, iniciouse un novo ciclo decrecente, dunha intensidade maior, ao pasar de 26.326 h a 24.562, nun descenso do -1,34% anual. A evolución dos cinco concellos da comarca é moi similar á do conxunto, se ben a importancia de Cee como vila xeradora de emprego para traballadores de todo o espazo comarcal motivou que este núcleo marcase en boa medida o ritmo demográfico comarcal. A moderada incidencia do fenómeno emigratorio na comarca favoreceu que o avellentamento demográfico sexa pouco notable, pois preto dunha cuarta parte da poboación (24,13%) é menor de vinte anos, mentres que os maiores de 64 anos supoñen o 16%. A proporción entre sexos é levemente favorable ás mulleres (50,91%) como consecuencia da súa maior esperanza de vida.
Xeografía económica
O sector primario mantén unha importancia moi significativa na economía comarcal, pois emprega o 33,2% dos traballadores (1996), se ben existen diferencias importantes a nivel intracomarcal (dende o 5,5% de Corcubión ao 53,6% de Muxía). A agricultura ocupa o 19,3% dos traballadores. O 16% das terras comarcais están dedicadas á agricultura, aínda que nunha boa proporción delas cultívanse especies forraxeiras. Os pastos ocupan o 9,78 % das terras. Aínda así, seguen estando moi estendidos os cultivos tradicionais (millo, patacas e hortalizas) moitas veces destinados ao autoconsumo, nunha agricultura practicada por traballadores con ocupación principal noutra actividade. O transvasamento da poboación a outros sectores fixo que se intensificara a produción forestal, se reducira o número de explotacións e se producira a concentración parcelaria. Polo que respecta á gandería, na comarca existen 1.300 explotacións bovinas, cunha media de 9 reses por explotación. Muxía e Dumbría son os dous concellos nos que o aproveitamento gandeiro está máis estendido; ambos os dous superan as 5.000 cabezas de vacún, fundamentalmente de orientación leiteira. A pesca tamén xera un importante número de empregos, o 13,9% do total, pero o seu reparto é moi desigual entre os concellos que integran a comarca (43,3% en Fisterra e 15,1% en Muxía fronte ao 1,7% en Dumbría). O aproveitamento forestal é outro recurso moi potenciado; o 35,7% do territorio comarcal destínase á silvicultura, especialmente á plantación de piñeiros. A industria ten certa importancia: destacan Ferroatlántica, S. L., fábrica de aliaxes de ferro con dous centros de traballo na comarca (Cee e Dumbría) e os estaleiros SICAR en Cee. Os recursos forestais aprovéitanse nos numerosos serradoiros da comarca. A produción leiteira absórbena as industrias lácteas localizadas en Dumbría, que teñen como produción principal o queixo. En conxunto, a industria ocupa o 13,4% dos traballadores fisterrás. A construción é unha actividade cunha forte presenza no ámbito comarcal, pois emprega o 20,1% dos traballadores. O seu pulo débese ao destacado crecemento dalgunhas das capitais municipais, especialmente Cee. Os servicios non están moi desenvolvidos, pois xeran só o 33,3% do emprego (1996). Concéntranse fundamentalmente nas vilas cabeceira de Cee (44,5%) e Corcubión (68,2%) que aglutinan a actividade comercial e os servicios públicos, ocupacións que destacan por enriba do resto dentro do sector terciario, co 9% e o 8,5% do emprego, respectivamente. Destaca tamén a hostelería, na que traballa o 6,7% dos activos. As vías de comunicación máis importantes son a estrada comarcal C-552, que une A Coruña e Fisterrra, que atravesa os concellos de Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra; e a estrada comarcal C-550, de Cee a Tui.
Historia
Os primeiros vestixios arqueolóxicos localizados nesta comarca pertencen á cultura megalítica e entre eles destacan as mámoas do Alto de San Pedro e do Monte de Sembra (Cee) e os dolmens de Lousada e da Casa dos Mouros (Dumbría). Durante a época castrexa os poboadores concentráronse, entre outros, nos castros de Regoelle (Dumbría), Castromiñán (Fisterra) e nos de Pereiriña e Toba (Cee). Os xeógrafos e historiadores grecorromanos sitúan no seu territorio a tribo dos Nerios que probablemente habitarían nas terras entre as parroquias de Moraime (Muxía) e San Vicente e San Martiño de Duio (Fisterra), onde se atoparon numerosos restos arqueolóxicos. Durante a Idade Media, as continuas incursións normandas e musulmanas nos territorios do N da comarca levaron en 1119 a Afonso VII a repoboar as áreas máis devastadas. Esta circunstancia propiciou o nacemento da vila de Muxía, onde se fundou o mosteiro de Moraime que tiña todas estas terras baixo a súa xurisdición. A área meridional da comarca estivo, durante a Idade Media, dominada polos condes de Traba e Trastámara, que disputaban a súa posesión cos de Altamira, que se fixeron co control no s XIV. Durante A Idade Moderna desenvolveuse un importante comercio marítimo que ligaba o porto de Muxía con Inglaterra e o de Corcubión con Italia, especialmente coa República de Venecia. No s XVIII os habitantes da comarca enfrontáronse aos ingleses e durante a Guerra de Independencia Corcubión e Cee sufriron saqueos importantes, mentres que Fisterra destaca na súa oposición á invasión. No Antigo Réxime toda a comarca pertenceu á provincia de Santiago e estaba dividida nas xurisdicións de Corcubión, Cee, Fisterra, Moraime e Buxantes, Muxía, Ozón e Baíñas, Vimianzo e Berdeogas. Os concellos que integran a comarca xurdiron xa cos primeiros concellos constitucionais de 1813, se ben adquiriron a súa fisionomía actual coa División Municipal de 1835.
Patrimonio cultural
Entre as manifestacións artísticas máis antigas cabe salientar, entre outras, o dolmen de Pedra Cuberta (Dumbría), o de Pedras Negras (Cee) e o conxunto arqueolóxico do Monte San Guillerme (Fisterra), declarado Ben de Interese Cultural (BIC). No eido da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, as igrexas románicas de San Pedro de Redonda (Corcubión), Santiago de Olveiroa (Dumbría) e San Xiao de Moraime (Muxía), declarada BIC en 1972; as igrexas góticas de Santa María de Xunqueira (Cee) e a de San Marcos (Corcubión); as igrexas barrocas de Buxantes (Muxía), a capela de Nosa Señora do Bo Suceso (Fisterra)e o Santuario da Nosa Señora da Barca (Muxía). Destacan tamén a igrexa de Santa María das Areas e os restos do hospital de peregrinos de Fisterra. No eido da arquitectura militar consérvanse os castelos do Príncipe (Cee), declarado BIC en 1994 e do Cardeal (Corcubión), declarado BIC en 1994. Da arquitectura civil destacan os pazos urbanos de Cee, Brandariz e Cotón, na vila de Cee, e dos Pardo en Corcubión. Dos pazos rurais destacan, entre outros, o de Pedriña (Dumbría), a casa da Bacariza (Dumbría), a casa de Hermedesuxo (Fisterra), a casa de Sardiñeiro (Fisterra), a casa de Pasantes (Muxía) e a casa de Couceiro (Muxía). No campo da arquitectura popular sobresaen, o conxunto de hórreos da casa do Camiño de Vilar de Troba (Cee), o da igrexa parroquial de Ozón (Muxía) e os cruceiros de Fisterra e da Baixada (Corcubión). Entre as festas que se celebran destaca a da Virxe da Xunqueira (Cee), a romaría de San Pedro de Redonda (Corcubión), a romaría do Carmo e O Ézaro (Dumbría), a Semana Santa de Fisterra e a romaría da Virxe da Barca (Muxía).