Fisterra, Santa María das Areas de
Igrexa situada en Fisterra na aba do monte de San Guillerme. Construída a finais do s XII ou principios do s XIII en estilo románico, orixinariamente tiña unha soa nave e unha capela maior de planta rectangular. A nave está dividida en catro tramos por tres arcos apuntados; a cuberta é de madeira. Posteriormente, abriuse unha porta lateral no terceiro tramo e engadíronse as capelas: a finais do s XIV construíronse a capela maior e a de Santa Lucía, cubertas con bóveda de crucería; a do Rosario de estilo plateresco; as de san Miguel e as Angustias no primeiro tramo; e a do Santo Cristo, de finais do s XVII ou principios do s XVIII e na que se venera a imaxe do Cristo da Barba Dourada, cun tramo cuadrangular, formado por cruz grega con cúpula con lanterna, e un segundo tramo rectangular que comunica coa nave, cun arco decorado cunha tripla moldura cóncava, e co exterior por unha porta arquitrabada. Construíuse tamén unha sancristía á beira do altar maior e unha torre cuadrangular aos pés da nave. A fachada principal está flanqueada por dous contrafortes; sobre a porta ábrese unha seteira e sobre esta aparece o brasón dos Altamira.