flamengo

flamengo

(< neerl flaming)

    1. adx

      Relativo ou pertencente a Flandres, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s [ETN/HIST]

      Natural ou habitante de Flandres.

    3. s m pl [ETN/HIST]

      Grupo de habitantes da rexión N de Bélxica, de lingua flamenga. Recibiron este nome a partir da loita pola salvación da súa cultura trala constitución do Estado belga no 1830.

    4. s m [LING]

      Lingua do phylum indoeuropeo do grupo xermánico que se fala na parte norte de Bélxica (provincias de Flandres Occidental, Flandres Oriental, Anveres, Limburgo e a metade da provincia de Brabante). O estado belga, independente no 1830, recoñeceu a existencia dunha lingua flamenga no 1873; coas leis lingüísticas (1932, 1963) e a reforma constitucional restableceu a autonomía cultural e lingüística de ambas as dúas partes do territorio belga. O Consello Cultural de Flandres estableceu o uso único do termo neerlandés.

    5. arte flamenga [ARTE]

      Arte desenvolvida en Flandres. As primeiras formas orixinais nesta rexión xurdiron do impulso do Imperio Carolinxio, época da que se conservan as capelas de plan central, como a capela palatina de Aquisgrán, igrexas basilicais con westwerk e obxectos tallados en marfil. Na época románica destacaron os centros de Liexa, na conca do Mosa, onde se erixiron santuarios, abadías e basílicas de corpo rectangular, como San Bertomeu de Liexa, e con westwerk, como San Denís de Liexa, de influencia renana e dunha gran sobriedade; e o foco de Doornik, na conca do Escalda, onde dominou a influencia franco-normanda, como a abadía de San Vicente en Soignies, que xa mostra as formas do gótico francés presentes na catedral de Doornik (1141). No s XIII aumentou a influencia francesa coa construción de complexos monacais de orixe cisterciense en Lovaina, Gante e Anveres, seguida por unha solución intermedia, cun verticalismo moderado e estruturas máis simples respecto ás francesas, visible en Santa Gúdula de Bruxelas. Esta tendencia mantívose ao longo do s XIII no centro de Mosa coa construción, entre outras, de Nuesta Señora de Dinant e San Miguel de Bruxelas. Por outra banda, a influencia normanda impúxose ao redor da rexión do Escalda con estruturas dun gótico avanzado, entre outras, na igrexa de San Quintín e no coro da catedral de Doornik e en San Nicolao de Gante. O s XIV marcou a separación da influencia francesa, cun tipo de arquitectura sobria, pero que prestou atención aos motivos decorativos, presentes na igrexa do Béguinage en Lovaina (1305) e en Santa Catarina de Malines. Esta liña conduciu no s XV ao desenvolvemento dunha arquitectura gótico-flamíxera coa introdución de innovacións técnicas en San Pedro de Lovaina e Saint Roumbout de Malines. No eido da arquitectura civil destacan as casas de tímpano triangular, como a casa da Etape en Doornik, e beffroi. Acadou o seu cumio cos palacios municipais de Bruxelas. No Renacemento, a arquitectura seguiu a tradición gótica, como na casa da cidade de Anveres de Cornelis Floris (1514-1575). A escultura tivo as súas mellores manifestacións durante a época románica no foco de Liexa, co traballo do metal. No s XIV destacaron os cadeirados de coro e os retablos das igrexas. O máximo difusor da escultura flamenga no s XVI foi Cornelis Floris. A pintura, agás algunhas manifestacións de época románica, como o ciclo de Santa Clara na catedral de Doornik (1171), desenvolveuse dende o 1300 con traballos ao fresco, entre outros, o ciclo de San Luís en Nosa Señora de Bruxas, e na miniatura, onde se pode analizar unha escola franco-flamenga dende o 1400. No s XV, a incorporación da técnica do óleo deu un novo aire ás obras e anunciou o Renacemento. Na primeira metade do s V destacaron os irmáns Jan (1390?-1441) e Hubert (?-1426?) van Eyck e Petrus Christus (1420?-1473), da escola de Bruxas, e Roger van der Weyden (1399?-1464), de Bruxelas. Na segunda metade do s XV traballaron en Bruxelas Hans Memling (1430?-1494) e Gérard David (1460-1523); en Lovaina, Dirk Bouts (1420?-1475); e en Gante, Hugo van der Goes (?-1482) e J. van Wassenhove. O xénero máis cultivado foi o retrato. Os artistas da primeira metade do s XVI recibiron a influencia da arte cincuentista italiana; destacaron, entre outros, Quentin Metsys (1466?-1530) e Joachim Patinir (1480?-1520). A influencia manierista deixouse sentir, entre outros, en Jan Gossaert (1478?-1533?) e B. van Orley (1490?-1541). Os últimos artistas renacentistas abandonaron a liña italiana e ofreceron unha visión máis persoal da arte, entre todos eles destacou P. Brueghel o Vello (1525?-1569). Seguiron a liña italiana Frans Floris de Vriendt (1516-1570) e Antonio Moro (1512?-1576?). No s XVII as premisas da arte barroca foron asumidas plenamente por P. P. Rubens (1577-1640) e os seus discípulos J. Jordaens (1593-1678) e A. van Dyck (1599-1641). O realismo de Caravaggio foi asumido por Abraham Janssens (1575-1652) e desvirtuado por David Teniers (1610-1690), Adriaen Brouwer (1605?-1638) e os pintores de naturezas mortas F. Snyders (1579-1657), J. Fyt (1611-1661) e M. Vos (1584-1651).

    6. literatura flamenga [LIT]

      De tradición oral moi antiga, ten textos escritos antes do s XII (Henric van Veldeke). Durante catro séculos escribíronse obras moi diversas: poesía cortesá, mística e popular, novelas e obras didáctico-sociais. A prosa mística culminou na obra de Joannes Ruusbroec (1293-1381). Nos ss XIV e XV predominou o teatro e a finais do XIX chegou a decadencia flamenga. Como reacción contra o predominio francoparlante do novo estado belga, naceu o movemento flamengo e unha literatura con características histórico-sociais e románticas, cun reflexo da situación de opresión socio-cultural e de tres séculos de abandono, con figuras destacadas como H. Conscience (1812-1883) e G. Gezelle (1830-1899). A comezos do s XX, contactouse coas correntes europeas, con novelistas como S. Streuvels (pseudónimo Frank Lateur), C. Buysse, H. Teirlinck; poetas como K. van de Woestijne e ensaístas como A. Vermeylen. No período de entreguerras destacou o movemento expresionista na poesía e no teatro, onde sobresaen P. van Ostayen e G. Burssens. A novelística está representada por M. Roelants, G. Walschap, F. Timmermans, F. de Pillecijn, W. Elsschot e L. Zielens. A tradición expresionista evolucionou cara ao movemento experimental na poesía (A. Bontridder, H. Claus, H. C. Pernath e P. Snoek), na prosa destacaron M. Gijsen, J. Daisne e H. Lampo, e no teatro H. Claus, J. van Hoeck e H. Hensen. Despois das innovacións introducidas pola poesía experimental, tentaron consolidarse as tendencias do neorrealismo (P. Lasoen, R. Jooris e H. de Coninck), manierismo (P. Conrad) e neorromanticismo (J. Hoof). No campo da novela houbo, despois do experimentalismo de I. Michiels e do subxectivismo de P. de Wispelaere, o realismo crítico de J. Geeraerts ou o realismo erótico de H. Raes. Nos anos oitenta destacou M. Van Paemel e posteriormente Hugo Claus.

    7. música flamenga [MÚS]

      A finais da Idade Media a música flamenga acadou un importante desenvolvemento e unha difusión, pero non se limitou a Flandres exclusivamente, senón que comprendeu a área do norte de Francia, Valonia, Flandres e Holanda. Johannes Ockeghem, Jacob Obrecht, no s XV, e Adriaan Willaert e C. de Rore, no s XVI, son os músicos propiamente flamengos máis destacados; por outra banda, numerosos compositores italianos, alemáns e ingleses visitaron ou establecéronse en Flandres. No s XVIII sobresaíron A. J. Helmont e Pieter van Maldere. Con motivo da aparición do Estado belga (1830), os flamengos procuraron preservar a personalidade ante a preponderancia valona; Peter Benoit (1834-1901) iniciou un movemento autóctono e creou en Anveres a Vlaamse Muziekschool (1867), convertida en conservatorio en 1898. Os seus discípulos Jan Blockx (1851-1912) e Edgar Tinel (1854-1912) continuaron o movemento.

  1. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s m

      Ave acuática do xénero Phoenicopterus, da familia dos fenicoptéridos que, dependendo da especie, presenta unha altura de entre 80 e 145 cm de altura. Son animais de pescozo e patas longas, alas grandes e cola curta, de plumaxe rosa ou vermella -que depende dunha dieta moi rica en carotenos-, e coas plumas remeiras negras. A cara, as patas e o peteiro poden ser de cor vermella, rosa, laranxa ou amarela. Os dedos son relativamente curtos e provistos de membranas interdixitais. Os machos son de maior tamaño cás femias e as aves novas distínguense por ser de cor cinsenta con manchas castañas e patas e peteiros negros. O peteiro resulta moi característico nestas aves e é grande e groso, curvado cara a abaixo a partir da metade e coas mandíbulas -a superior máis pequena que encaixa na inferior- provistas dunhas laminiñas internas a xeito de peite. A lingua é grosa e está provista de prominencias. Para alimentarse introducen a cabeza na auga coa parte superior orientada ao fondo e vana movendo cara aos lados, á vez que van filtrando a lama do fondo grazas á acción combinada da lingua, que introduce e expulsa rapidamente a mestura de lama e auga no peteiro entreaberto, e as proxeccións do peteiro onde queda prendido o alimento. As especies de menor tamaño -como o pequeno, o andino e o de James-, que posúen peteiros con poucas fendas, filtran principalmente anacos de algas, mentres que o resto se alimentan principalmente de crustáceos e moluscos. Para beber precisan auga doce distinta da que localizan nos medios hipersalinos onde aniñan. Os flamengos nadan e voan perfectamente -aínda que precisan dunha pequena carreiriña para emprender o voo-. Mentres voan manteñen as patas e o pescozo estirados. Son aves lonxevas que poden acadar ata os 50 anos e viven en colonias de ata varios milleiros de individuos. Para comunicarse emiten asubíos e trompetadas e durante o cortexo nupcial realizan movementos bruscos nos que axitan a cabeza e encollen as alas. Son aves monógamas que forman parellas que poden permanecer xuntas varios anos e que crían aqueles anos en que a cantidade de chuvia permite unha subministración segura de alimento e garantiza a permanencia de auga no lugar de cría. As parellas reprodutoras da colonia reprodúcense a un mesmo tempo, sincronizando os cortexos e, polo tanto, os tempos de posta e o nacemento dos pitos. Os niños son pequenos montículos, construídos polos dous membros da parella, de ata 30 cm de altura, que presentan unha pequena cavidade superior onde poñen un único ovo duns 100 gr. Esta forma permite manter o ovo seco e defendido de lixeiros ascensos do nivel das augas, á vez que o illa do posible requecemento do chan. Durante todo o período de incubación, que dura entre 26 e 31 días, manteñen e reparan esta estrutura. En África e América meridional os flamengos vermellos e rosa crían en illas rochosas onde constrúen, no mellor dos casos, un pequeno niño de plumas e herbas. Os pitiños ao nacer son brancos ou cinsentos e teñen o peteiro recto. Son alimentados polos dous pais, que os recoñecen entre o resto dos pitos da colonia pola voz, mediante regurxitacións dunha secreción do tracto dixestivo, estimulada pola hormona prolactina, que ten aparencia leitosa, é de cor vermella e presenta un alto contido en graxas e proteínas. Entre o cuarto e sétimo día de vida, os pitos deixan o niño e reúnense en garderías vixiadas por algunhas aves adultas, mentres os pais procuran alimento. Poden voar ás 11 semanas de idade e manteñen a coloración cinsenta os 2 ou 3 primeiros anos. Comezan a reproducirse aos 6 anos. Os flamengos viven en augas pouco profundas de lagos, pantanos de manglares, marismas, e illas de area intermareais de Europa, América central e meridional, Asia e África. Poucos depredadores se aventuran nas augas cáusticas onde crían e polo tanto o maior perigo para a súa supervivencia son as grandes oscilacións poboacionais. Ademais, o home ten desecado, contaminado ou alterado gran parte destes humidais. Entre os xudeus existe a lenda de que este animal foi o único que resistiu ás tentacións do Edén e polo tanto conservou a vida eterna. Para os gregos, o flamengo era a ave fénix que logo dunha longa vida renacía das súas cinsas. Para os exipcios constituía a reencarnación do deus Ra.

    2. flamengo andino [Phoenicopterus andinus, Fam dos fenicoptéridos]

      Flamengo de 102 cm de lonxitude, de peteiro amarelo, coa metade anterior negra e co dedo posterior ausente. É unha especie propia dos lagos salgados, a unha altitude superior aos 2.500 m, de Chile e do noroeste de Arxentina. Hoxe subsisten menos de 50.000 aves.

    3. flamengo chileno [Phoenicopterus chilensis, Fam dos fenicoptéridos]

      Flamengo de 135 cm de lonxitude, de patas verde cinsentas, cos xeonllos vermellos, punta do peteiro negra e plumaxe branca, coas alas vermello-escarlata. Está presente en Perú e dende Uruguay ata Tierra de Fuego.

    4. flamengo de James [Phoenicopterus jamesi, Fam dos fenicoptéridos]

      Flamengo de 130 cm de lonxitude, de peteiro amarelo, coa metade anterior negra e co dedo posterior ausente. Propio das lagoas salinas do altiplano dos Andes, en 1924 déronse por extintos ata que foron redescubertos en 1957.

    5. flamengo pequeno [Phoenicopterus minor, Fam dos fenicoptéridos]

      Flamengo duns 80 cm de lonxitude, de plumaxe rosa, cunhas plumas cobertoras das alas dun vermello intenso, patas rosas e peteiro vermello carmín coa punta negra. Habita en África meridional, NL da India e Madagascar. Na época de cría reúnense centos de miles de individuos nos lagos salgados do val do Rift, en África oriental (dende Etiopia ata Tanzania meridional) e aparecen no lago Nakoeroe en Kenya. Coñecéronse colonias formadas por máis dun millón de exemplares. A especie conta cuns 4 millóns de animais.

    6. flamengo rosa [Phoenicopterus ruber roseus, Fam dos fenicoptéridos]

      Flamengo de 125 cm de lonxitude, de plumaxe rosácea e peteiro rosa, coa punta cinsenta oscura. Habita en Europa meridional, África e SO de Asia. A colonia maior está situada en Rann o Kutch, entre India e Paquistán. En Europa meridional as colonias dependen estreitamente de Doñana, da lagoa de Fuente de Piedra e do delta do Ródano. A súa poboación é duns 800.000 exemplares.

    7. flamengo vermello [Phoenicopterus ruber ruber, Fam dos fenicoptéridos]

      Flamengo de 145 cm de lonxitude, de plumaxe vermella, coas plumas remeiras negras e peteiro laranxa-rosado, coa punta negra e a base amarelada. Está presente en América central e meridional, no O do Caribe e nas illas Galápagos, onde viven uns 65.000 exemplares que dependen fundamentalmente de 4 grandes colonias arredor do golfo de México.