Flandres
Rexión de Europa que comprende o litoral do extremo sudoccidental do mar do Norte, desde o paso de Calais ata a beira dereita do delta do Escalda; limitado ao S polos outeiros do Artois, que o separan da conca de París, constitúe o extremo occidental da chaira do N de Europa.
Xeografía
Corresponde a unha terceira parte do departamento francés de Nord, as dúas provincias belgas de Flandres Occidental e Flandres Oriental e o sector continental da Zelanda neerlandesa. Fisicamente distínguese o Flandres marítimo ou occidental e o Flandres interior ou oriental. O primeiro é unha chaira moi baixa, formada por unha capa de arxila de orixe marítima, desecada por canais e moi fértil; é a rexión dos pólderes. Dunha altura non superior a 5 m, grazas aos diques e ás dunas litorais, resgárdase dos azoutes do mar e das mareas. Dunha gran horizontalidade, abundan as pequenas explotacións agropecuarias. A costa, de recente formación, está constituída por un cordón de dunas, cubertas de vexetación halófila, duns 9 a 18 m de altura, que nalgúns puntos chegan ata os 30 m (Koksijde), e un largo que pode chegar a 1,5 km (Knokke). O Flandres interior ou oriental, formado por materiais areosos que ao S aparecen cubertos por unha capa de limo, elévase entre os 5 e 50 m. Levántase suavemente cara a Brabante e o Hainaut, e ofrece unha paisaxe ondulada e moi variada, onde as árbores xa fan acto de presenza e cobren algunhas extensións. Abundan os barrancos e os montes (entre os montes destaca o de Cassel, en Francia, con 176 m). Os ríos flamengos son o Leie e o Escalda que, canalizados, constitúen unha importante vía de navegación. O clima é oceánico, con nubosidade abundante e temperaturas moderadas, aínda que se caracteriza polo dominio de fortes e frecuentes ventos. En Bruxas a temperatura media anual é de 9,8 graos C. As chuvias, aínda que frecuentes, non son moi fortes. Deixan unha media anual de máis de 700 mm. É unha rexión urbanizada, industrial e comercial, cunha poboación moi densa. Aínda que a agricultura intensiva, asociada á cría de gando, de maneira principal bovino, é unha das actividades principais, tamén ten unha grande importancia o cultivo do liño, remolacha azucreira, lúpulo, cereais (trigo, cebada), achicoria, tabaco, patacas, plantas forraxeiras, legumes, hortalizas e a floricultura (as hortalizas e a floricultura, arredor de Malinas). A actividade industrial está representada pola industria téxtil, dunha gran tradición, onde destaca Eeklo como centro principal. Tamén hai industria metalúrxica, de maquinaria agrícola, química, papeleira, do calzado e alimentaria. Na costa, as antigas vilas de pescadores convertéronse en centros turísticos, con numerosos hoteis e balnearios (Ostende, Blankenberge e Knokke). A capital histórica é Bruxas, pero a capitalidade pasou despois a Gante; o principal porto é o de Dunkerque.
Historia
Poboada pola tribo celta dos menapios, foi conquistada polos romanos no 51 a C e permaneceu baixo o seu dominio ata o s V d C, cando foi ocupada polos francos salios. Durante o goberno dos merovinxios (ss V-VII), sufriu un proceso de intensa xermanización ao tempo que foi cristianizada. O territorio dividiuse en condados con funcións administrativas e, ao mesmo tempo, estendéronse os mosteiros beneditinos, que cumpriron unha dobre función, espiritual e colonizadora. No s IX integrouse no reino de Lotario II e trala súa morte pasou ás mans de Carlos o Calvo, que lle encomendou o goberno do pagus Flandrensis ou condado de Flandres a Balduíno I Brazo de Ferro. Durante a Idade Media, a súa economía de base agrícola e gandeira sufriu unha transformación e dende os ss XII e XIII destacou pola súa industria téxtil (panos frisóns) abastecida pola la inglesa, e pola actividade mercantil centrada no litoral (Bruxas) e no val do Escalda (Tournai, Gante e Anveres). A prosperidade industrial e mercantil converteu as cidades de Bruxas e Gante nos principais emporios mercantís de Europa, nas que apareceron novas clases urbanas (patricios, mercadores e artesáns), que reivindicaban a autonomía municipal e a redución das cargas señoriais. Polos seus territorios, os condes de Flandres foron vasalos ao mesmo tempo do rei de Francia, na rexión denominada Flandres Real, e do emperador xermano no Flandres Imperial. Ademais, en función dos intereses económicos, prestáronlle vasalaxe ao soberano inglés. Os monarcas franceses protagonizaron diversos intentos de anexión do territorio dende o s XII e trala derrota dos flamengos e os seus aliados británicos na Batalla de Bouvines (1214), estableceron a súa tutela sobre o condado, malia a oposición dos artesáns e mercadores vinculados á industria téxtil e á la inglesa. Na primeira metade do s XIV sucedéronse as revoltas en Bruxas e Gante, e malia a vitoria fronte aos franceses en Courtrai (1302), as tropas francesas impuxéronse en Mons-en-Pévèle (1304) e Kassel (1328), e someteron a rebelión proinglesa (1337). A dobre dependencia de Flandres, vinculada a Francia por lazos feudais e a Inglaterra por intereses económicos, foi unha das causas da Guerra dos Cen Anos. A burguesía de Gante sublevouse de novo (1379) e forzou a intervención dos franceses (1382), mentres a industria téxtil entrou en crise pola chegada ao mercado da la castelá. O matrimonio do duque de Borgoña Filipe II coa condesa Margarida III de Flandres, integrou o territorio nos dominios dos duques de Borgoña (1369), ata que polo matrimonio entre María de Borgoña e Maximiliano de Habsburgo (1493) pasou a formar parte dos territorios sometidos aos Austrias casteláns. No s XVI a nobreza das provincias do N, que posuía numerosos privilexios e dominaba o goberno, aceptou de xeito masivo o calvinismo e enfrontouse aos gobernadores enviados pola monarquía hispana. Malia que no 1564 conseguiron a abolición da Inquisición, producíronse novas revoltas e durante o goberno do duque de Alba (1567-1573) actuouse con dureza. Trala política de reconciliación do gobernador Lois de Requeséns (1573-1576) a situación empeorou pola ríxida política relixiosa dos Austrias e os excesos dos tercios casteláns, e desembocou no 1576 na sublevación de todas as provincias, agás Luxemburgo. O novo gobernador Xoán de Austria non conseguiu avances e, trala súa morte no 1578, sucedeuno o duque Alexandre I de Parma (1578-1592), que conseguiu o apoio da nobreza das provincias do S e o acatamento polas provincias católicas valonas da autoridade do soberano castelán mediante a Unión de Arrás (1579). Mentres, as provincias protestantes do N, comandadas por Guillerme de Orange-Nassau, selaron a Unión de Utrech, base da futura Holanda. O dualismo existente nos Países Baixos converteu a loita pola independencia nunha guerra civil, na que os protestantes recibiron axuda de franceses e ingleses, inimigos da hexemonía española. O fracaso da Armada Invencible (1588) e as expedicións a Francia en axuda da Liga Católica (1590 e 1591-1592) impediron a pacificación total dos Países Baixos. Tralos gobernos de Peter Ernest de Austria (1592-1594), do arquiduque Ernesto de Austria (1594-1595) e do conde de Fuentes de Valdepero (1595-1597), Filipe II cedeulle a soberanía dos Países Baixos á súa filla Isabel e ao seu xenro, o arquiduque Alberte. Os enfrontamentos bélicos interrompéronse pola Tregua dos Doce Anos (1609-1621), que supuxo o recoñecemento da independencia das Provincias Unidas. Despois da morte do arquiduque Alberte (1621), a súa muller continuou no goberno dos Países Baixos ata 1633, e trala súa morte substituíuna o cardeal infante Fernando de Austria (1634-1641). O conde-duque de Olivares, privado de Filipe IV, continuou cos enfrontamentos, pero foi vencido polos franceses e holandeses durante a Guerra dos Trinta Anos en Dunes (1639) e Rocroi (1643). Pola Paz da Haia-Münster (1648) recoñeceuse a independencia das Provincias Unidas e despois de sucesivos enfrontamentos con Luís XIV pasaron a Francia numerosas poboacións flamengas pola Paz dos Pirineos (1659) e a Paz de Aquisgrán (1668). Despois da Guerra de Sucesión de España, o resto de Flandres, xunto cos Países Baixos sometidos ao dominio castelán, pasaron aos Austrias alemáns polos tratados de Utrecht (1713) e Rastadt (1714). Anexionado por Francia durante o período napoleónico (1795-1814), tralo Congreso de Viena formou a provincia de Holanda (1815-1830). Desde 1830 forma parte do Reino de Bélxica.