Flandres, condado de
Territorio histórico xerme da rexión de Flandres. Balduíno I Brazo de Ferro fundou a primeira dinastía de condes a mediados do s IX e o seu fillo Balduíno II o Calvo, foi o primeiro conde independente. Os seus sucesores estendéronse sobre os condados de Zelanda (1006) e Aalst (1033), e produciuse un importante desenvolvemento económico. A cuarta dinastía, iniciada por Teodorico I o de Alsacia, perdeu os condados de Artois (1191) e Vermandois (1214). Durante a quinta dinastía sucedéronse a partir do 1279 as disputas entre os fillos dos dous matrimonios da condesa Margarida II a Negra pola súa herdanza. O monarca francés Luís XI repartiu o territorio e outorgoulles Flandres aos Dampierre e Hainaut aos Avesnes. Na sexta dinastía produciuse a invasión dos franceses (1300) que provocou a sublevación dos flamengos e, trala vitoria en Courtrai (1302), conseguiron a independencia dos franceses polo Tratado de Athis-sur-Orge (1305). Pola voda da condesa Margarida III, derradeiro membro da sétima dinastía, con Filipe II de Borgoña (1369), os territorios de Flandres uníronse aos dos duques de Borgoña. Con Filipe I o Fermoso, iniciador da novena dinastía, pasou a formar parte dos territorios sometidos aos Austrias casteláns ata que unha parte de Flandres se uniu á coroa francesa (1659) e posteriormente Luís XIV conquistou a outra (1678).