florín

florín

(< ital florino)

    1. s m [NUMIS]

      Unidade monetaria principal de Holanda (fl), establecida en 1816, que equivalía a 0,245489 gramos de ouro fino. Estaba dividido en 100 céntimos. Estableceuse a súa equivalencia co euro en 2,2037 e deixou de cotizar o 20 de agosto de 2001.

    2. florín de Suriname

      Unidade monetaria principal de Suriname (Sfl), dividida en 100 céntimos.

  1. s m [NUMIS]
    1. Moeda de prata cuñada en Florencia desde finais do s XII, cun peso de 1,80 g e un valor dun soldo.

    2. Moeda de ouro cuñada en Florencia entre 1252 e 1533, cun peso de 72 gramos florentinos (3,528 g). Levaba no anverso o lirio coa lenda Florentia e no reverso a figura de San Xoán Bautista e a lenda S. Johannes B. Orixinariamente valía 20 soldos, pero foron frecuentes as alteracións no seu valor, aínda que mantivo as características do peso e da lei. Foi imitada por diversos estados, señoríos e cidades libres de Europa. O duque Alessandro de Medici substituíuna polo escudo de ouro.

    3. Moeda de ouro dos grandes duques de Toscana cuñada en Florencia entre 1588 e 1792, cun peso lixeiramente inferior aos 3,5 g que conservou algunhas das características do florín medieval, pero cunhas grandes variacións de tipoloxía. Coñecíase tamén co nome de sequín.

    4. Moeda de ouro cuñada polos monarcas de Aragón na ceca de Perpignan dende 1346, seguindo o modelo dos de Florencia. Tiña un peso de 3,35 g e presentaba no anverso a San Xoán Bautista e no reverso unha flor de lis. Cuñouse tamén nas cecas de Barcelona, Girona, València e Mallorca.

Palabras veciñas

florido -da | florífero -ra | florilexio | florín | Florín | Flórina | Florinda