fluídica

fluídica

(< fluído)

s f [TECNOL]

Rama da mecánica de fluídos que estudia os fenómenos ligados ao desprazamento e á interacción dos chorros de fluídos en movemento sen participación de pezas móbiles, así como a súa aplicación industrial para realizar amplificacións, conmutacións, etc. A base do desenvolvemento da fluídica é o efecto Coanda ou efecto de atracción dun chorro a unha parede, debido á depresión creada polo fluído cando emerxe por un bico ou ensanche. O fluído tende a seguir unha traxectoria inclinada coma se fose unha prolongación da superficie que abandona, sempre que o ángulo de inclinación non sexa moi acusado. Coanda explicou esta tendencia polo baleiro parcial que se crea entre o chorro e a superficie adxacente, de tal maneira que, se a presión do outro lado do chorro permanece constante, esta depresión forza o chorro a xirar e atráeo cara á parede. A partir deste fenómeno pódense realizar funcións como a amplificación, o mando “todo ou nada”, etc, e polo tanto pode substituír nalgunhas aplicacións os dispositivos electrónicos por dispositivos fluídicos. A súa principal vantaxe está no feito de seren insensibles ás condicións ambientais máis severas, a diferenza dos sistemas electrónicos que resultan afectados polas temperaturas elevadas, as vibracións e as radiacións ionizantes. Non obstante , os tempos de resposta son moito máis longos en fluídica ca en electrónica. Os sistemas fluídicos son útiles como complemento dun sistema pneumático, porque utilizan o mesmo medio. Os compoñentes elementais dos circuítos fluídicos realizan funcións simples, lóxicas ou analóxicas. Distínguense os compoñentes activos, provistos dunha alimentación continua de fluído baixo presión, que son capaces de amplificar un sinal, dos compoñentes pasivos, que só combinan sinais de mando.