fluor

fluor

(< lat fluōre ‘fluxo’)

Nome científico: [F]
s m [QUÍM]

Elemento químico pertencente ao grupo VII da táboa periódica (grupo dos halóxenos), de número de oxidación -1, número atómico 9 e masa atómica 18,998. O elemento natural é o nucleido 19 (100%), pero coñécense catro nucleidos artificiais: 17, 18, 20 e 21. É un gas tóxico e corrosivo, bastante estendido na natureza, principalmente na auga do mar, no esmalte dental e na criolita (Na3AlF6), aínda que o principal mineral do que se extrae é a fluorita (CaF2) ou espato de fluor. A obtención do fluor inspírase no método que empregou o seu descubridor H. Moissan (1886), que consistía na electrólise dunha mestura de ácido fluorhídrico puro e seco e de fluoruro de potasio. Coa mesma estrutura electrónica periférica que o cloro, o fluor é monovalente e pode dar dous tipos de enlaces covalentes simples, con el mesmo, pondo en común unha parella de electróns; e o enlace iónico, cando se combina cun elemento debilmente electronegativo e dá o anión F-. O seu potencial de oxidación (-2,87 eV) sinala a tendencia relativa da reacción de electrodo, ao mesmo tempo que explica que o fluor sexa o máis reactivo de todos os elementos e máis oxidante ca o cloro en fase acuosa. Xeralmente non se localiza nunca libre, pola súa gran capacidade de reacción, e combínase directamente con todos os elementos, agás o osíxeno e o nitróxeno; a reacción co hidróxeno é explosiva e prodúcese mesmo a baixa temperatura, con obtención de ácido fluorhídrico (HF); no caso de corpos osixenados, como a auga, o desprendemento de osíxeno intensifica o poder oxidante do fluor. O fluor ataca todos os metais, incluso o ouro e o platino. Os compostos máis extraordinarios do fluor son os fluorocarburos; o tetrafluorometano (CF4), correspondente ao metano, é un corpo extremadamente inerte, incombustible e inalterable á acción dos oxidantes máis potentes; esta inactividade fai que os fluorocarburos se empreguen para fins moi especiais: o derivado C12F26, líquido, utilízase como illador nos transformadores de gran caudal, e o tetrafluoretileno polimerizado, que se coñece máis co nome comercial de teflón, é unha materia plástica bastante utilizada; malia o seu custo elevado, o uso destes produtos nas industrias de materiais corrosivos vai en aumento. O fluor tamén se emprega na profilaxe da carie dental, xa que se demostrou que a incorporación do ión fluor ao esmalte dental aumenta a súa resistencia fronte aos ácidos que producen as bacterias cando dixiren os azucres; pero hai que ter en conta a intolerancia de certos suxeitos ao fluor e a perigosidade de doses preventivas excesivas que pode causar unha fluorose.

Palabras veciñas

fluído -da | fluidoterapia | fluír | fluor | fluor(o)- | fluoración | fluorado -da