Foix, condado de
Rexión histórica francesa ao redor de Foix, no Languedoc pirenaico. Na época romana formou parte da Civitas Conseranorum e baixo os visigodos e os francos pertenceu ao ducado de Aquitania, ao condado de Tolosa e ao condado de Carcassonne. Condado independente dende o s XI baixo o goberno de Roxelio I de Foix, participou na política interna dos condados cataláns e estableceu alianzas matrimoniais coa familia dos vizcondes de Castellbó. A comezos do s XIV, apoiados polos monarcas franceses, tentaron facerse coa Coroa de Aragón con pouco éxito. En 1436 Gastón IV de Foix casou con Eleonor de Aragón, princesa de Viana, e trala súa proclamación como herdeiros do Reino de Navarra (1455), os dominios territoriais da casa de Foix acadaron a súa maior extensión. Sucedeunos Francisco Febo (1472) e no 1483 o condado pasou á súa irmá Catarina I e ao seu marido Xoán II de Albret (Xoán III de Navarra). No 1512 foron desposuídos do Reino de Navarra, do vizcondado de Castellbó e dos seus anexos por Fernando o Católico, mentres os territorios ultrapirenaicos pasaron ao seu fillo Enrique I de Foix (Enrique II de Navarra). A súa filla Xoana I de Foix (Xoana III de Navarra) casou con Antonio de Borbón, duque de Vendôme, no 1527 e o seu fillo Enrique II de Foix (Enrique III de Navarra), foi rei de Francia (Enrique IV de Francia) e anexionou as súas posesións familiares á coroa francesa en 1607. Na segunda metade do s XVI e os primeiros anos do XVII foi un dos centros máis activos da reforma calvinista.