fol

fol

(< lat folli)

  1. adx

    Aplícase aos alimentos con casca, como mariscos, froitas ou sementes, que presentan menos carne da que sería de esperar polo seu volume.

    Sinónimos: fole.
  2. s m

    Utensilio formado por dúas pranchas ou táboas de madeira unidas entre si por unha peza de pel que cando se achegan os seus extremos sae o aire.

    Ex: Aguzou o lume co fol. As vides bótaselle o xofre cun fol.

    Sinónimos: barquín, foxa, fole.
  3. s m

    Saco de coiro ou doutro material semellante que serve para conter líquidos ou transportar algo sólido. Na tradición oral recóllense ditos como: “Fol mollado, masa leva. Fol sacudido non entra no muíño. Fol sobado, máis fariña leva. O fol e a taleiga, o que lle boten, iso levan.”

    Sinónimos: fole.
  4. s m

    Parte da gaita en forma de bolsa onde se contén o aire que despois se expulsa mediante a presión do brazo polos pallóns e mais pola palleta. Elabórase con distintos materiais, principalmente con pelexo de cabrito, coiro acharolado, pel de canguro e fibra sintética de goretex.

    Sinónimos: fole.
  5. s m

    Ondulación do fío dos instrumentos cortantes, especialmente da gadaña.

    Sinónimos: fole.
  6. s m [IND/ARTE]

    Cuberta opaca, pregable e axustable, que se emprega para afastar o obxectivo da cámara e realizar así traballos de aproximación.

    Sinónimos: fole.
  7. s m

    Capacidade respiratoria dunha persoa.

    Ex: Fáltame fol para seguir correndo.

    Sinónimos: fole, folgo.
  8. s m

    Termo da xerga das palilleiras que designa as engurras que fai o pano de encaixe cando este non se fai dunha soa vez.

    Sinónimos: fole.

Frases feitas

  • Non ser fol de ferreiro. Non poder estar sempre traballando.