Fole Sánchez, Ánxel
Escritor. A súa infancia e mocidade transcorreron en Lugo e cursou estudios de bacharelato no Instituto lugués. No curso 1927-1928 matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidad de Valladolid e deseguido marchou a Madrid. En 1928 publicou en El Progreso o seu primeiro artigo onde escribiu sobre a poesía de Góngora. Durante a Segunda República viviu entre Santiago de Compostela e Lugo. Estudiou dereito en Santiago de Compostela, onde asistiu aos parladoiros do Derby e do Español xunto con Domingo García-Sabell, Luís Seoane, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carballo Calero, Arturo Souto, Álvaro Cunqueiro e Rafael Dieste. Ingresou na FUE e despois afiliouse á ORGA de Casares Quiroga. En 1935 entrou no Partido Galeguista levado por Ramón Piñeiro. Influído pola lectura de Marx, Engels e Maiakovski escribiu algúns artigos co pseudónimo de Bacurín. Colaborou en publicacións como Resol, Ahora (despois Guión) e fundou e dirixiu Yunque (1932), onde apareceu o primeiro dos poemas galegos de Federico García Lorca. Colaborou en El Pueblo Gallego e en 1935 publicou en Nós dous contos que conformarían o libro Auga lizgaira, que non se publicou polo estoupido da Guerra Civil. Rematada esta, viviu afastado nas terras da Veiguiña e O Incio, na montaña luguesa, dedicado a escribir. Froito dese labor foi a publicación, en 1953, na editorial Galaxia, da que foi un dos fundadores, do seu primeiro libro Á lus do candil, conxunto de contos. No mesmo ano instalouse en Lugo definitivamente. Colaborador de La Noche e Faro de Vigo, desenvolveu a maior parte do seu traballo xornalístico en El Progreso de Lugo, onde asinou frecuentemente co pseudónimo Neumandro e creou, en 1970, o suplemento literario Táboa Redonda. Habitual dos parladoiros do Méndez Núñez, Lugo Bar e do café Madrid, afeccionado ao cine, amigo íntimo de Celestino Fernández de la Vega, Ramón Piñeiro ou Luís Pimentel, colaborou en publicacións como Alba, Ínsula, Galicia Emigrante, Mensajes de Poesía ou Vida Gallega, e creou series xornalísticas como “Plaza Mayor”, na Hoja del lunes de Lugo, ou “Andar y ver” e “Estar al siglo”, en La Noche de Santiago. Na súa irregular traxectoria como narrador ao seu primeiro libro seguiu Terra brava (1955), que trata de cousas vistas ou escoitadas por un observador con vocación literaria que pasa uns días na casa dun familiar. Subtitulada Contos da solaina, configúrase nunha “solaina” inicial (que inclúe o Grande Parladoiro) e os “Contos da solaina” nos que interveñen varios narradores. Pertencente ao ciclo da Galicia rural, amosa a súa tendencia típica ao didactismo, o seu gusto pola digresión e a utilización da leria como forma de contar repousada na que as historias, en espiral, se multiplican unhas tras outras. Aparece a diglosia e o castrapo na fala dos seus personaxes e os comentarios sobre cuestións ou temas de lingua e literatura, de música ou metapsíquica, da paisaxe, do caciquismo e da psicoloxía do home labrego, así como a atención ao mundo das lendas. Hai tamén contos de premonicións e experiencias telepáticas. Tras anos de silencio publicou Contos da néboa (1973), que consta dunha “Soleira” e mais dun conxunto de dezaoito relatos, seis deles publicados con anterioridade, e que conforma un conxunto de contos de “imaxinación realista” segundo o mesmo Fole, con resonancias ás veces kafkianas e tamén de raíz galega, que inician o predominio do espazo urbano lugués na narrativa do escritor. Existe, en varias destas pezas, un claro achegamento ao mundo do cine e destaca a presenza do misterio, do onirismo e do trasmundo do home. Finalmente publicou Historias que ninguén cre (1981), un conxunto de vinte contos que estaban xa escritos varios anos antes de ser reunidos en libro. Algúns son de asunto policíaco ou de misterio; outros, tratan temas metapsíquicos ou parapsicolóxicos. O espazo rural cede terreo ao marco urbano e de novo fanse presentes certas técnicas procedentes da cinematografía. Por veces xorde o tratamento humorístico das historias, nas que atopamos lembranzas do Fole xornalista. Na revista Alba hai algunha mostra da súa produción poética e no ámbito do teatro deixou unicamente a peza Pauto do demo (1958), da que o propio autor opinou que tiña “certa semellanza cun filme folclórico e humorístico”. Os seus relatos “O documento” e “A caixa do morto” foron adaptados ao cine en senllas curtametraxes e a estrea dos mesmos fíxose na Coruña e Lugo respectivamente. Cartafolio de Lugo (1981) constitúe un conxunto de crónicas sobre a memoria persoal que o escritor tiña da súa cidade natal. Como narrador, de manifestación serodia, contribuíu ao relanzamento da narrativa da posguerra na década do medio século e considerouse un realista interesado tamén no fantástico. Admirou os narradores rusos, a Edgar A. Poe e a A. Conan Doyle, e amosou a súa preferencia polo “conto contado”, de acentuada oralidade, conectado coa tradición popular dos contadores de historias en lareiras e tabernas, e de moi sinxela técnica. A orixe dos seus contos é diferente: algúns son froito da inventiva do autor, outros, son historias escoitadas na infancia ou contadas por amigos. Entre as claves da súa técnica narrativa destaca o emprego dun marco común das historias e multiplicación (encaixe ou engrenaxe) das mesmas nun mesmo conto, a utilización de fórmulas de apelación ao lector, finais de carácter didáctico-moral, a tendencia aos encadramentos espacio-temporais no comezo da historia e a supremacía dos acontecementos ou sucesos dentro da mesma co conseguinte pulo da acción narrativa. A súa narrativa reflicte o mundo e o trasmundo do home galego, a realidade material concreta e a transrealidade ateigada de misterio, de crenzas e fenómenos inexplicables, de premonicións e visións que conducen ao terreo do fantástico. En suma, a existencia e o que se sitúa máis aló da morte. O humor (paródico, irónico ou satírico) constitúe un trazo caracterizador de moi boa parte dos seus contos. Doutra banda, é un cultivador do fantástico, concretamente do fantástico-visionario, no que as suxestións experimentadas polos personaxes constitúen o epicentro dos relatos e inclúense nun contexto realista de referencialidade galega. Cómpre situalo na tradición galega do fantástico a carón de A. Cunqueiro, V. Risco, A. Castelao ou R. Dieste. Preocupado pola lingua galega que el coñecía, dedicouse a indagar en cuestións de etimoloxía, grafías, fonética, distribución das formas lingüísticas, etc; feito que tamén se reflicte nos seus libros de narrativa. As súas historias e os seus personaxes mostran o galego falado nas terras do Incio, Quiroga e O Courel. Interesado nas diferencias diatópicas, a súa óptica é a dun ensinante, a dun dialectólogo. Ao reflectir situacións de diglosia, amosa diferencias de clase e de poder no mundo aldeán galego. O emprego do castrapo adquire unha finalidade humorística e ridiculizadora. Se a isto se engaden frecuentes vulgarismos, arcaísmos ou hiper-enxebrismos o resultado é a linguaxe dun escritor antipurista, alleo a calquera norma, que prefire amosar a deturpación da fala real antes que calquera expresividade artificiosa. En 1963 ingresou na Real Academia Galega, onde ocupou a vacante de Manuel Casás Fernández. En 1985 concedéuselle a Medalla Castelao e o Concello de Lugo patrocinou unha edición de Terra Brava e dedicoulle a Semana Bibliográfica das Linguas Ibéricas. Fillo predilecto da súa cidade natal dende 1977, foi proposto en 1983 para o Premio Nobel pola Asociación de Escritores en Lingua Galega
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Lugo -
Deceso