Folk

Folk

Produtora cinematográfica pontevedresa creada polos irmáns Ramón e Enrique Barreiro no mes de decembro de 1931. A empresa, na que Enrique exercía as funcións de director técnico e Ramón as de correalizador, foi unha consecuencia lóxica da actividade precedente dos irmáns Barreiro no eido cinematográfico, xa daquela coñecida dabondo, principalmente desde a estrea a mediados de 1927 da súa mediometraxe documental Pontevedra, cuna de Colón. O seu obxectivo era a creación dun “Noticiero de la Región Gallega”. De feito, a presentación en sociedade da produtora tivo lugar o 1 de outubro de 1932 coa estrea, no Teatro Principal de Pontevedra, da primeira entrega dun Noticiario que tivo varias versións, periodicidades e formatos, incluíndo o sonoro, ata 1935. Xunto con esta actividade, o máis destacado da casa Folk foi a súa relación desde a chegada da República co movemento político e cultural que reivindicou un Estatuto de Autonomía para Galicia. O primeiro froito desa conexión foi o filme Por unha Galicia nova, tamén coñecido como Hacia una Galicia mejor, impulsado polo novo alcalde de Pontevedra, Bibiano Osorio Fernández-Tafall, verdadeiro manifesto cinematográfico a prol da causa autonomista. O filme presentouse no cine Coliseum o 4 de marzo de 1933 e inaugurou unha serie de reportaxes sobre as institucións culturais de Galicia, que tivo o seu traballo máis representativo no documental El Seminario de Estudios Gallegos en Deza (1934), realizado por terras de Lalín e Silleda e no que se recolleron os traballos de campo do Seminario de Estudios Galegos, entre os que aparecen Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Florentino Cuevillas. Malia estes e outros esforzos, a empresa xa acusaba as dificultades de colocar os seus noticieiros cinematográficos nos programas das principais salas galegas. Deste xeito, diminuíu a súa actividade, ata que en 1935 só presentaron dúas cintas: El día de Orense en Pontevedra e La Escuela Nacional del Trabajo en Pontevedra. Tamén comezaron as primeiras desavinzas entre os dous irmáns e os problemas financeiros. Esta etapa rematou coa partida cara a Madrid de Ramón para dedicarse á fotografía publicitaria.

Palabras veciñas

foliolado -da | folíolo | folión | Folk | folk drama* | folk* | folk-song*