folk drama*

folk drama*
s m [ESPECT]

Xénero dramático e teatral que se caracteriza pola recuperación e desenvolvemento de formas escénicas, personaxes, conflitos, lendas, historias, celebracións, rituais, narracións e outros elementos e materiais diversos propios dunha determinada tradición cultural. A incorporación desta corrente aos campos teatral e literario a miúdo se produce en procesos de construción nacional, sempre relacionados coa recuperación dos sinais de identidade e das manifestacións culturais propias, e así aconteceu en Irlanda a principios do século XIX coas creacións de John Millington Synge, Douglas Hyde, Lady Augusta Gregory ou William Butler Yeats, que tiñan como obxectivo reflectir as esencias da vella cultura gaélica. En Galicia o folk drama foi reivindicado e potenciado por Antón Villar Ponte en diversas pezas como A festa da malla ou Os evanxeos da risa absoluta, nas que buscaba reflectir escenas e estampas da vida tradicional galega. Noutras ocasións a recuperación de antigas manifestacións dramáticas e teatrais presentes no folclore está relacionada con procesos de desenvolvemento comunitario e nesa liña hai que situar as múltiples propostas desenvolvidas en moi diversos lugares do mundo e que pretenden a conservación dun rico patrimonio teatral, como a recuperación dun suposto teatro azteca en México ou a preservación do Entroido de Laza. Noutras ocasións, o interese polas manifestacións teatrais presentes no folclore está directamente relacionada con proxectos de renovación escénica, e así aconteceu en España a principios do século XX, cando autores como Valle-Inclán, García Lorca ou Dieste reivindicaron o teatro de títeres ou en Europa, cando actores como Darío Fo recuperaron elementos da farsa e da commedia dell’arte para o seu proxecto de teatro político e cando escritores como Antonin Artaud ou directores de escena como Eugenio Barba se achegaron a outras tradicións teatrais de Asia e América.

Palabras veciñas

folíolo | folión | Folk | folk drama* | folk* | folk-song* | Folketing