Fonsagrada, comarca da
Comarca do extremo oriental da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coa comarca da Mariña Oriental e o Principado de Asturias, ao S coa comarca dos Ancares, ao L co Principado de Asturias e ao O coas comarcas de Meira e Lugo. Abrangue unha superficie de 679,5 km2nos que acolle unha poboación de 7.175 h (2001), distribuídos nos concellos de Baleira (168,8 km2; 1.834 h), A Fonsagrada (438,4 km2; 5.082 h) e Negueira de Muñiz (72,3 km2; 259 h). O núcleo reitor indiscutible é a vila de A Fonsagrada, importante centro comercial e de servicios xa dende o s XVII, que ademais é cabeza de partido xudicial, do que dependen xunto cos tres concellos que forman a comarca, os de Ribeira de Piquín e Meira. A Fonsagrada e Negueira de Muñiz presenta unha cohesión moi forte e un total grao de integración funcional. En cambio, Baleira, malia que mantén vinculacións administrativas e comerciais coa cabeceira comarcal, depende funcionalmente en boa medida de Lugo.
Xeografía física
As terras da comarca da Fonsagrada caracterízanse pola topografía accidentada propia da área de montaña que é, que constitúe un espazo de transición entre a liña de cumios que serve de fronteira co territorio asturiano (serras de Uría, Pena Parda, Pena do Cabalo e Monte Mouro, todas elas entre os 1.000 e 1.200 m) e a meseta de Lugo. O conxunto comarcal cérrase polo O, no concello de Baleira, coa serra da Vaqueriza (1.063 m), que ademais serve de divisoria entre as concas fluviais do Miño e do Eo. Ao N, o Coto de Frades (961 m) separa a comarca da Mariña Oriental, mentres que polo S son as serras de Cuias e Llouxas e o monte de Restelo (1.004 m) as que serven de límite coa dos Ancares. Polo que respecta á litoloxía, as rochas dominantes organízanse en bandas que seguen unha dirección NL-SO, nunha sucesión de sedimentos metamórficos do Paleozoico Inferior (areas, lousas e cuarcitas). A configuración básica do relevo débese á oroxenia Herciniana, pero durante o Terciario a oroxenia Alpina favoreceu o rexuvenecemento do mesmo. O relevo, moi accidentado, resólvese nunha alternancia de superficies de erosión (situadas ao redor dos 900-1.000 m) con vales fluviais encaixados entre densas bandas de cuarcita (relevo apalachense). Esta continua sucesión de chanzos provoca unha predominancia de fortes pendentes, que condicionan de xeito notorio o desenvolvemento das actividades humanas. Da complicada topografía do territorio comarcal xorde unha rede hidrográfica moi complexa. Existen numerosos cursos de auga, que discorren en todas as direccións. Na comarca pódense distinguir tres concas hidrográficas, a do Miño, que ocupa o sector sudoccidental; a do Navia, a máis extensa, que ocupa todo o sector centro e meridional do conxunto comarcal; e a conca do Eo, que se sitúa no terzo setentrional. A serra da Lastra, en Baleira, funciona de divisoria de augas dos tres cursos de auga, mentres que as de Foncuberta, Invernal e Follabal serven de límite entre as terras drenadas polo Navia e as do Eo. Os réximes destes ríos son pluvio-nivais, co máximo caudal entre xaneiro e maio. O espazo natural presenta un grao de conservación bastante aceptable debido á escasa presión humana existente sobre o territorio; os bosques de especies autóctonas son frecuentes e sustentan interesantes ecosistemas de fauna salvaxe. Cómpre destacar as fragas de Carballido (A Fonsagrada) e de Marronde (Baleira), ademáis das ribeiras do encoro de Salime (Negueira de Muñiz). A comarca está baixo o dominio climático oceánico de montaña. A uniformidade climática é bastante notable en todo o territorio comarcal, e as escasas diferencias veñen motivadas pola altitude. A posición respecto á circulación xeral atmosférica incide en que durante o inverno predominen os ventos do NL propiciados polo anticiclón situado sobre Centroeuropa, que chega debilitado e permite a entrada das borrascas da Fronte Polar e de fluxos de dirección O e NO. Na primavera é frecuente o paso de borrascas procedentes do Atlántico con ventos húmidos do O e NO. No verán, en cambio, dominan as situacións anticiclónicas estables, aínda que non son infrecuentes as ciclónicas do NO que introducen chuvia. Por último, no outono son as borrascas do O as que rexen o tempo. A altitude faise sensible tanto no concernente ao descenso das temperaturas (8,8° C de media anual) como no aumento considerable das precipitacións respecto da chaira (1.754 mm). Os invernos son fríos e húmidos, pois entre decembro e febreiro a media mensual non sobe dos 3° C (a mínima rexístrase en xaneiro, con 2,2° C), e cae o 37% das precipitacións anuais. Os veráns, pola contra, son bastante secos (10% das precipitacións), con días calorosos e noites frescas (a temperatura media máis elevada rexístrase en agosto, con 16° C). As estacións intermedias repártense o resto das precipitacións (cadanseu 26% en primavera e en outono). O descenso das precipitacións estivais propicia un pequeno déficit hídrico en xullo e agosto. A oscilación térmica anual é alta, ao redor dos 14° C. As precipitacións en forma de neve son habituais, entre 20 e 30 días ao ano. A xeada é moi frecuente entre outubro e abril.
Xeografía humana
A poboación da comarca da Fonsagrada caracterízase polo seu declive, froito da intensa emigración rexistrada durante o s XX, de xeito que entre 1887 (data do primeiro censo) e 2001 a poboación descendeu un 63,5%, pasando de 19.695 h a 7.175 h. O poboamento é disperso en pequenos núcleos moi diseminados por todo o espazo comarcal. Como consecuencia desta negativa evolución, a poboación presenta un acusado avellentamento e un crecemento vexetativo moi negativo. Esta inmensa mingua demográfica tivo as súas causas tanto en factores físicos como económicos. O relevo accidentado con fortes pendentes que dificultan moito a actividade agrícola, o rigor do clima, as deficientes comunicacións que non permiten un doado acceso a moitos servicios mínimos e a excentricidade deste territorio, propiciaron que a poboación buscase unhas mellores condicións de vida noutros lugares. A merma poboacional non tivo un ritmo uniforme, e mesmo a comezos do s XX coñeceu unha evolución positiva. Así, entre 1887 e 1920 a poboación medrou a un ritmo medio do 0,32% anual, malia a notable incidencia da primeira vagada emigratoria transoceánica, que foi contrarrestada polo elevado crecemento vexetativo derivado dunha moi alta taxa de natalidade. Deste xeito, en 1920 acadouse o máximo poboacional da comarca, con 21.763 h. Entre 1920 e 1940 rexistrouse un leve retroceso anual (-0,16%) que foi o inicio dunha tendencia que caracterizou dende entón a evolución demográfica da comarca. De 1940 a 1960 a diminución acadou un ritmo do 0,89% anual, pois nos anos cincuenta reiniciouse a emigración cara a América que se interrompera na década de 1930 debido á conxuntura de crise económica internacional. O ritmo de saída de emigrantes intensificouse de xeito moi significativo durante os anos sesenta (o descenso demográfico foi do 2,12% anual), con destino maioritario a Europa. Co peche da emigración exterior como consecuencia dunha nova crise internacional, o ritmo de saída freou, feito no que tamén incidiu que xa fosen poucos os efectivos que quedaban na comarca. Deste xeito a caída demográfica foi do -0,90 % anual entre 1970 e 1981, tratándose en boa medida de xentes que se dirixían a Barcelona, tradicionalmente o lugar máis atractivo dentro de España para os emigrantes desta comarca, xunto con Asturias. De 1981 a 1991 acentúase o declive demográfico (-2,82 % anual), pero neste intre aparece un novo factor explicativo, o avellentamento, coa conseguinte elevación da mortalidade, de xeito que o negativo saldo vexetativo incide tanto como a emigración, agora dirixida fundamentalmente cara os espacios urbanos galegos. Finalmente, a tendencia actual (1991-1996) é a de frear a merma demográfica (-1,14 %), pois a saída de h. é escasa e o descenso é froito da evolución natural da avellentada poboación. Os tres concellos coñeceron unha evolución similar, se ben o que máis efectivos perdeu foi o de Negueira de Muñiz, debido á construción do encoro de Grandas de Salime nos anos cincuenta, que supuxo o asolagamento de moitos núcleos e das terras máis produtivas doutros, de xeito que entre 1950 e 1970 a poboación deste concello pasou de 1.424 h a 590 h. O núcleo reitor comarcal, A Fonsagrada, non escapa tampouco á atonía demográfica do seu conxunto, e a súa evolución demográfica no s XX estivo marcada por continuos altibaixos. O acusado avellentamento da poboación comarcal apréciase ben na estrutura por idades (1996), na que se observa como só o 14,75% dos residentes son menores de 20 anos, mentres que os maiores de 64 anos constitúen o 28,92%. A proporción entre sexos é amplamente favorable aos homes (52,39%), como consecuencia da maior saída de mulleres ante as escasas posibilidades laborais que o medio agrario de montaña lles ofrece.
Xeografía económica
A economía comarcal baséase nas actividades agropecuarias, que xeran a maior parte do emprego (54,43% en 1996), se ben o agro presenta unha crise estrutural bastante forte, como consecuencia da pequena produtividade, da elevada idade media dos traballadores (na súa maior parte propietarios), das escasas iniciativas de dinamización do sector, e do gran predominio de explotacións de reducidas dimensións. A implantación do sector primario, aínda sendo substancial en toda a comarca, destaca no concello de Baleira, onde o 65,2% (1996) dos traballadores se adscriben a el. A redución do número de explotacións foi unha constante ao longo dos últimos cincuenta anos. A emigración e o avellentamento demográfico propiciaron esta situación, de xeito que só o 3,14 % da superficie comarcal se dedica aos labores agrarios. A escasa dimensión do parcelario tamén incide de xeito negativo no desenvolvemento agrario. O tamaño medio das parcelas sitúase en 1,4 ha. Malia esta negativa situación xeral compre dicir que no fondo dos vales, que contan con terras de boas calidades, os rendementos agrícolas e gandeiros son aceptables. Os cultivos máis desenvolvidos son os nabos, as patacas e o centeo, orientados frecuentemente ao autoconsumo. A agricultura mantense como unha actividade residual fronte á gandería, que tivo unha grande expansión na década de 1980, cando se converteu na orientación produtiva predominante. A comarca posúe unhas 15.000 cabezas de gando bovino (1994), tres cuartas partes delas no concello da Fonsagrada. A dimensión das explotacións bovinas é escasa, tan só o 15% delas teñen máis de 20 cabezas, fronte o 61% que posúen menos de 10. A maioría dedícanse á obtención de carne, sendo a dedicación leiteira minoritaria, debido ás deficientes comunicacións, que impiden unha axeitada recollida do leite. Só as explotacións situadas preto da principal estrada (a comarcal C-630) e dos seus ramais máis destacados teñen esa orientación produtiva. A explotación forestal ten grande importancia na comarca, xa que ocupa o 43,74% do espacio. As especies máis empregadas son as que resisten ben a rudeza do clima, como o pinus silvestris, o pinus radiata ou o pinus pinaster, mentres que nas maiores altitudes domina o pinus insignis. Os restantes sectores de actividade presentan un escaso dinamismo, que se deixa notar tanto na produción como no emprego que xeran. A industria e a construción apenas proporcionan traballo, co 8,26% e o 8,46%, respectivamente, da poboación ocupada (1996). As poucas empresas destes sectores que existen na comarca aséntanse fundamentalmente no concello da Fonsagrada, sendo case todas elas moi pequenas e de carácter familiar, cunha media de 1,5 traballadores por empresa. Só compre mencionar os pequenos talleres de carpintería metálica e de fabricación de apeiros e pensos para a agricultura e gandería, ademais de algúns aserradoiros de madeira que aproveitan os recursos forestais locais, ademais da extracción de lousa no concello da Fonsagrada. O sector terciario ten moi pouca importancia (28,85% da ocupación en 1996). Dentro del só destacan os servicios públicos (administración local, educación, sanidade, etc) co 10,23%, así como o comercio (5,64%) e a hostalería (4,47%). O centro terciario máis destacado é a vila da Fonsagrada, principal núcleo comercial e bancario e sede da administración local e xudicial. A vía de comunicación máis importante é a estrada comarcal C-630 que atravesa o territorio de L a O e que o comunican con Lugo. Outras vías que conectan o territorio intracomarcal son as estradas locais LU-702 (de Negueira de Muñiz á C-630), a LU-740 (que atravesa de N a S o concello da Fonsagrada, e a LU-760 (que pasa pola área occidental de Baleira).
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos datan do período megalítico, como por exemplo as medorras de Pila de Pedras (A Fonsagrada), de Vilauxín e do Foxo (Negueira de Muñiz) e os dólmenes de Casía da Arquela (A Fonsagrada) e Monte da Cruz (Baleira). Durante a época castrexa, como consecuencia da riqueza mineira das terras, acadou unha grande importancia. Entre os máis de setenta castros catalogados destacan os de Xegunde (A Fonsagrada), o Carballín (Negueira de Muñiz) e o de Esperela (Baleira). Os minerais continuaron a ser explotados polos romanos como testemuñan os achados nas covas de Castañedo e nas galerías de Pedras Apañadas (Negueira de Muñiz) e as minas de Pedras Amontonadas e do Chao de Cabeiro (A Fonsagrada). No 813 produciuse en Esperela (Baleira) unha batalla entre os exércitos do Rei Afonso II o Casto e os musulmáns; no lugar de Campo de Matanza atopáronse restos de numerosos sarcófagos. No 1200 Afonso IX fundou A Proba de Burón, que acadou a categoría de capital do antigo concello de Burón e recollía o territorio que actualmente ocupan os municipios da Fonsagrada e Negueira de Muñiz. O novo concello estivo baixo o señorío dos condes de Trastámara ata o s XV que pasou a Inés de Guzmán, quen vendeu os seus dereitos aos condes de Lemos. Desde o s XVI estas terras pasaron ao condado de Altamira que as mativo no seu poder ata comezos do s XIX. En 1809 as tropas napoleónicas comandadas por Soult pasaron por terras de Baleira e incendiaron o lugar de Fontaneira, polo que os veciños dirixidos por X. M. Páramo e Montenegro, lles fixeron fronte. Durante todo o Antigo Réxime os actuais concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz pertencían á xurisdición de Burón, mentres que o territorio de Baleira subdividíase entre catro xurisdicións (Baleira, Castroverde, Neira de Rei e Penamaior), ademais dun Couto Redondo, o de Córneas. Todos pertencían á antiga provincia de Lugo. A aparición dos actuais concellos remóntanse, no caso da Fonsagrada e Baleira, á creación dos primeiros concellos constitucionais durante os períodos liberais de 1812-1814 e 1820-1823. A consolidación do réxime municipalista en 1835 ratificou esta ordenación territorial ata a segregación do concello de Negueira, que convertido en entidade local menor en 1925, logrou a separación en 1928. En homenaxe a Antonio Muñiz Alonso, promotor do proceso de segregación, o novo concello pasou a denominarse Negueira de Muñiz en 1929.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, sobresaen no eido da arquitectura relixiosa as igrexas de Santa María da Fonsagrada e de Lamas de Moreira (A Fonsagrada); do Salvador de Negueira e Santiago de Ouviñao (Negueira de Muñiz), San Miguel de Braña e San Pedro de Esperela (Baleira). Da arquitectura civil destacan na Fonsagrada, a fortaleza de Burón (s XV), declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, os restos do Hospital Real de Montouto (s XIV) e o pazo de San Martiño de Arroxo; e en Baleira, a casa-pazo de Albaredo e a casa de Luaces. No eido da arquitectura popular consérvanse os hórreos de Córneas e Vilar de Adros (Baleira), as pallozas de Lamas de Moreira e A Fornaza. Entre as institucións culturais destaca o Museo Comarcal da Fonsagrada. Entre os espacios naturais destacan a fraga de Carballido (A Fonsagrada), incluída na Rede Natura 2000, e o encoro de Salime (Negueira de Muñiz). Celébranse, entre outras, as festas relixiosas do Corpus Christi e de San Cristovo na Fonsagrada e a romaría da Nosa Señora da Veiga en Negueira de Muñiz e as gastronómicas do botelo e a castaña na Fonsagrada e do Viño Novo de Negueira de Muñiz.