fotogrametría
(< foto- + gr γράμμα ‘inscrición’ +-metría)
Conxunto de técnicas que permiten, mediante a cámara fotográfica, deducir dunha proxección cónica do obxecto, as súas dimensións e a súa situación. O fundamento xeométrico da fotogrametría foi establecida por J. H. Lambert en 1759, pero foi Aimé Laussedat quen conseguiu en 1851 planos exactos partindo de fotografías. En 1856 Gaspar Felix Tournachou, Nadar, realizou as primeiras fotografías aéreas, unhas vistas de París. En 1886 Torres Quevedo realizou o primeiro levantamento fotogramétrico español do barranco de Vista Hermosa (Madrid). En 1903 Carl Pulfrich aplicou o principio de medición estereoscópica ao método fotogramétrico, procedemento perfeccionado en 1909 por Eduard von Orel. Os aparellos inventados de acordo con este novo sistema eran, sen embargo, dunha aplicación exclusiva aos alzamentos topográficos efectuados por medio de fotografías tomadas dende terra (fotogrametría terrestre). A partir da Primeira Guerra Mundial, o progreso da aviación permitiu o desenvolvemento da fotogrametría aérea, que ofrece unhas notables vantaxes sobre a terrestre. A transformación da proxección cónica (fotograma) nunha proxección paralela (plano) require o coñecemento das coordenadas dun certo número de puntos do terreo (puntos de soporte) e a realización previa da orientación do paralelo estereoscópico. Os aparellos de restitución máis recentes, sen embargo, son xa automáticos (ortofotogrametría). A fotogrametría ten aplicación na arquitectura, na escultura, na balística, na investigación sobre accidentes de circulación e noutras materias; sen embargo, resulta sobre todo indispensable nos alzados topográficos de grandes territorios.