mística
(< lat mystĭca)
Experiencia, verdadeira ou suposta, de unión directa dun home coa divindade. Como experiencia máis ou menos sensible do divino, a mística atópase en moitas relixións non cristiás, como por exemplo o xamanismo, o hinduísmo e o budismo; apréciase tamén nos neoplatónicos e nos sufís musulmáns. O misticismo xudeu é o preludio da mística cristiá, que se basea na crenza do feito da encarnación. A historia da mística cristiá é rica, xa desde un inicio, en personaxes e movementos espirituais: no Novo Testamento atopamos a san Paulo, místico de grande importancia, e a Xoán Evanxelista, que escribiu sobre o amor. Na era dos mártires sobresaen Ignacio de Antioquía e Policarpo. No tempo dos pais da Igrexa, cabe sinalar a Clemente de Alexandría, Oríxenes, Metodio e Atanasio, así como aos chamados pais do deserto, cunha teoloxía que seguiu dúas tendencias: a da denominada mística da luz (Pseudo-Macario, Evagrio Póntico) e a da mística da escuridade (Gregorio de Nisa); entre os pais latinos, cabe subliñar a Casiano, Agostiño e Gregorio o Magno, e entre os gregos a Máximo o Confesor, Xoán Clímaco e Simeón, o Novo Teólogo. Na Idade Media, producíronse as correntes místicas dos monxes (Bernardo de Claraval, Gillaume de Saint-Thierry), dos vitorinos (seguidores de Hugo de San Vítor) e das monxas (Hildegarda de Bingen, Matilde de Magdeburg, Xertrude a Grande). Pódese atribuír aos dominicanos o desenvolvemento da mística especulativa (san Tomé de Aquino), mentres que os franciscanos desenvolveron unha mística máis afectiva, como é o caso sobre todo de san Francisco de Asís e, entre os seus fillos espirituais, san Boaventura, Ramon Llull e Ánxela de Foligno. No s XV abondan figuras como as do Mestre Eckart, Johannes Tauler, Heinrich Seuse, Ruysbroeck, Catarina de Siena, Ricardo Rolle de Hampole, Walter Hilton ou Xuliana de Norwich; en Oriente floreceu Gregorio Palamás, máximo representante do hesicasmo. O s XV representou unha época de decadencia: a devotio moderna foi un movemento máis ascético, que non místico, tal e como se pode ver en Imitatio Christi, atribuída a Tomé de Kempis. Nos tempos da Reforma e da Contrarreforma produciuse un rexurdimento da mística. Ignacio de Loiola e Afonso Rodríguez son nomes destacados entre os xesuítas, pero foi nos carmelitas onde se atoparon as figuras capitais de Tareixa de Xesús (con Libro de las moradas o Castillo interior) e Xoán da Cruz (con Cántico espiritual, Noche oscura, Subida al monte Carmelo e Llama de amor viva). Iníciase despois outro período de decadencia. Non obstante, nel aínda aparecen grandes figuras, como san Francisco de Sales, o xesuíta Louis Lallemant e santa Margarida María de Alacoque. O romanticismo volveu crear un ambiente favorable para a mística, e así, nos ss XIX e XX atópanse nomes como os de Ana María Taigi, Jean-Baptiste Vianney, Charles de Foucauld, Tareixa de Lisieux e Isabel da Trindade, entre outros.